Publicador de contidos
Publicador de contidos

Goberno e sindicatos pactan subir un 8 % o salario mínimo, ata os 1.080 euros

Goberno e sindicatos pactan subir un 8 % o salario mínimo, ata os 1.080 euros

O acordo alcanzouse coa ausencia da patronal, que non acudiu á negociación

G24.gal 31/01/2023 20:09 Última actualización 31/01/2023 20:39

Foi o propio Pedro Sánchez o que anunciou o acordo no Senado.

"A nosa loita por mellorar as condicións dos traballadores e lograr unha repartición máis xusta dos beneficios empresariais non fixo máis que empezar. De feito, anúnciolles que imos aprobar unha nova suba do salario mínimo interprofesional do 8 % para chegar aos 1.080 euros, tal e como acordamos cos sindicatos".

O pacto pechouse en dúas reunións entre o Ministerio de Traballo e os sindicatos, coa ausencia da patronal. A suba supón 344 euros máis cada mes para máis de dous millóns de traballadores en España, especialmente mulleres e mozos, que son os que menos cobran. Segundo os sindicatos, axudará a combater a fenda salarial e a reactivar a economía.

"Esta mellora salarial vai directamente ao consumo, vai cubrir os gastos básicos das familias máis necesitadas de España. Polo tanto, ademais de ser unha medida de xustiza é unha medida que move a demanda interna e crea emprego de maneira indirecta", dixo Unai Sordo, secretario xeral de CCOO.

"Os beneficios das empresas non paran de subir e é de xustiza repartir a riqueza", di Pepe Álvarez, secretario xeral de UGT.

Para a ministra de Traballo  a nova suba do salario mínimo é un obxectivo máis cumprido polo Goberno de coalición.

"Cumprimos o compromiso de subir o salario mínimo ata o 60 por cento do salario medio en España", di Yolanda Díaz.

Tanto a ministra como os sindicatos afearon a ausencia da patronal nas negociacións, que xustificou así:

 "Non tiñamos ningunha proposta, mínimo ter onte á noite unha proposta", asegura Antonio Garamendi, presidente da CEOE.

A suba do salario mínimo ata os 1.080 euros aprobarase probablemente no Consello de Ministros do 14 de febreiro, pero terá carácter retroactivo. Vaise cobrar desde o un de xaneiro e en 14 pagas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade