Publicador de contidos
Publicador de contidos

Traballo retirará as medallas ao mérito a Díaz Ferrán e Fernández Gayoso

Traballo retirará as medallas ao mérito a Díaz Ferrán e Fernández Gayoso

Con esta medida o Goberno pretende eliminar "calquera complicidade coa corrupción"

A vicepresidenta segunda traballa nunha reforma do despedimento e avanza que chamará en setembro os axentes sociais para subir o SMI 

A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, durante a súa comparecencia no Senado (EFE/Fernando Villar) A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, durante a súa comparecencia no Senado (EFE/Fernando Villar)
G24.gal 12/04/2024 12:29 Última actualización 12/04/2024 13:33

A vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, anunciou este venres que se van retirar con carácter inmediato as medallas ao Mérito no Traballo ao expresidente da CEOE Gerardo Díaz Ferrán e ao banqueiro Julio Fernández Gayoso, un dos máximos directivos da extinta NovacaixaGalicia.

Durante a súa intervención no Senado, Díaz explicou que no clima actual hai que "eliminar calquera complicidade coa corrupción, incluídos os recoñecementos a quen a practica e delinquen".

Neste sentido, anunciou que o Ministerio de Traballo e Economía Social vai proceder, con carácter inmediato á retirada das medallas ao Mérito no Traballo ás persoas "que están lonxe de ter a exemplaridade sobre a que se basea unha distinción desa importancia".

Como exemplos, puxo os casos de Gerardo Díaz Ferrán, expresidente da CEOE ou Julio Fernández Gayoso, ex Caixanova e un dos máximos directivos da extinta NovacaixaGalicia. Ambos contan con sentenzas firmes condenatorias por diferentes delitos relacionados coa corrupción.

O Goberno restrinxirá as causas para levar a cabo despedimentos obxectivos e prepara unha nova suba do SMI

Durante a súa comparecencia no Senado para explicar as liñas mestras do seu departamento, Díaz incidiu en que se abordará unha reforma do despedimento en España para adaptalo á carta social europea. Sinalou entre os posibles cambios a unha revisión das causas que permiten o despedimento obxectivo.

"Imos cambiar o despedimento para que se reparen os danos causados á persoa e que sexa verdadeiramente disuasoria (...) que o despedimento non sexa rendible".

A vicepresidenta segunda do Goberno e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, apostou ademais por seguir subindo o salario mínimo interprofesional (SMI), actualmente situado en 1.134 euros ao mes por catorce pagas.

No Senado anunciou que o Goberno convocará os axentes sociais no mes de setembro, xa que coa contía actual do SMI "non se pode vivir". Afirma que a suba se acometerá "con ou sen acordo" social.

Ademais o seu departamento prepara unha suba do indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM). A intención é incrementalo este ano un 3 %, ata os 618 euros mensuais, fronte aos 600 euros vixentes.

O IPREM é o índice que se ten en conta para o cálculo do nivel de renda que dá acceso a axudas públicas, bolsas, subvencións, vivenda pública protexida tanto en compra como en alugueiro, o bono ao alugueiro novo ou o código de boas prácticas bancarias. Tamén se utiliza para acceder á asistencia xurídica gratuíta, ao bono social eléctrico ou para determinar os mínimos e máximos das prestacións contributivas por desemprego, así como as contías dos subsidios por desemprego.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade