González: "Galicia é unha terra de oportunidades que ademais ten que atraer talento"
González: "Galicia é unha terra de oportunidades que ademais ten que atraer talento"
José González avanza que se reeditará o Programa Retorna Cualifica Emprego para volver ofrecer en orixe traballos de calidade complementados con formación e axudas para establecerse
O conselleiro de Emprego, Emigración e Comercio avoga por mellorar a formación dos traballadores e a ferramenta EMi de intelixencia artificial para cohersionar o mercado laboral
As competencias de Emigración agrupábanse nunha secretaría xeral que dependía directamente de Presidencia na anterior estrutura do Goberno galego, mentres que agora pasan a ser Consellería, xunto con emprego e comercio. José González Vázquez, o anterior conselleiro do Medio Rural desde 2018, é o novo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración nesta lexislatura.
Nunha entrevista no programa Bos días da Televisión de Galicia, González remarcou a achega da Xunta de Galicia de 210 millóns de euros para 46 ordes de axuda para fomento do emprego nos últimos cinco meses: "Somos a segunda comunidade en apoio ao emprego, pero creo que hai marxe de mellora".
Cifras históricas de paro e ferramenta EMi
O conselleiro salientou que o número de desempregados é o máis baixo desde que hai rexistros (2005), xa que en 26 anos nunca descendera das 123.000 persoas. "Levamos un moi bo ritmo de baixada de paro, duplicamos a baixada do paro do Estado". Alén desta tendencia positiva que reflicte "a boa saúde do mercado laboral", González avogou por solucionar problemas como a escaseza de man de obra para cubrir as 15.000 vacantes que hai en Galicia. "Temos marxe para poder mellorar a formación dos traballadores, flexibilizala, e achegar máis cartos para esa formación ás empresas que van facer as contratacións", asegurou.
Para consolidar a tendencia positiva e casar a oferta coa demanda, reafirmou a aposta por medidas como a ferramenta pionera EMi, dispoñible nas 54 oficinas de emprego do país, que mediante intelixencia artificial conecta oferta e demanda en tempo real a través do perfilado dos demandantes. "Trátase de que se un desempregado se achega ás nosas oficinas, a través da ferramenta poderlle dicir cales son as súas competencias e cal é a mellor ocupación para esas competencias", explicou.
Programas para o fomento do retorno
"Galicia é unha terra de oportunidades que ademais ten que atraer talento", afirmou González. "Sírvenos calquera nacionalidade pero é especialmente importante en Galicia tratar de que volvan eses que descenden dos que algún día tiveron que marchar por mor da emigración", puntualizou. O conselleiro lembrou que a Estratexia Retorna pretende atraer 30.000 persoas ata 2027 e, nese marco, fixo especial fincapé no Programa Retorna Cualifica Emprego, que procura traballadores ben cualificados para "cubrir as necesidades das empresas galegas". O titular de Emigración puxo de relevo que os criterios da nova edición deste programa, actualmente en marcha, tentarán afinar a selección en orixe e axudar aos retornados a construíren cadanseu proxecto de vida con axudas nos eidos de sanidade educación e vivenda. "O Retorna Cualifica Emprego pode axudarnos tamén a solucionar o reto demográfico porque moita desta xente podémola colocar tamén no territorio", expuxo.
Estratexia de impulso do comercio polo miúdo
Outro dos retos da consellería pasa por unha estratexia para o comercio polo miúdo, que son 24.000 en toda Galicia cunha porcentaxe de autónomos do 90 % e que constitúen "un elemento vertebrador de vilas e cidades".
Con este propósito, a Xunta traballa nun plan remuda xeracional cuxa medida estrela é o Bono Remuda, aprobado recentemente cunha dotación de 1,5 millóns de euros e que está en vigor ata o vindeiro 30 de outubro, "para axudar no traspaso de comercios viables que van pechar por falta de xente que colla o negocio".
O conselleiro lembrou outras accións recentes, como o Bono Activa Comercio, que mobilizou "80 millóns de euros en compras" desde 2021 e que se reeditará en outono.