Publicador de contidos
Publicador de contidos

Gonzalo Caballero di que serán as primarias as que decidan quen será o candidato do PSdeG-PSOE

Gonzalo Caballero di que serán as primarias as que decidan quen será o candidato do PSdeG-PSOE

Caballero: "Tomarei en cada momento a mellor decisión para fortalecer o PSdeG"

Coa marcha de Feijóo "hai unha oportunidade que non podemos desaproveitar", di o exsecretario xeral do PSdeG

Caballero considera "inoportuno" abrir agora un debate sobre o candidato

Formoso da por pechado o debate do candidato á Xunta e céntrase na súa axenda

G24.gal 17/01/2023 10:37 Última actualización 17/01/2023 15:29

Gonzalo Caballero, deputado e exsecretario xeral PSdeG, acudiu este martes á entrevista do informativo 'Bos días' de Televisión de Galicia. Unha entrevista distendida en que comeza confesando que hai poucos días fixo 48 anos, pero que agora "xa non é moi de celebracións, un xa leva uns anos, pero na familia sempre hai unha torta; celebreino cos cativos na casa. Empezando ano con moita forza e toda a ilusión posible".

Caballero xa hai máis dun ano que deixou a secretaría xeral do PSdeG-PSOE, pero segue moi activo nas redes sociais e con visitas ás agrupacións locais. Explica a súa actividade o deputado do PSdeG dicindo que el no Parlamento está "dedicado a traballar polos galegos e as galegas levando a responsabilidade da área económica, función pública e universidades. Traballando polo día a día dos galegos".

"En Galicia hai moitas necesidades no día a día da xente: os prezos están crecendo máis que no conxunto do Estado. En Galicia temos previsións económicas que nos sitúan na cola do crecemento económico en 2023, hai moitas familias que non chegan a fin de mes, temos problemas na sanidade pública, listas de espera na atención primaria, problemas en industria, cada día hai 7 autónomos menos en Galicia, hai problemas en educación. Polo tanto, eu quero traballar por unha Galicia mellor".

"Serán as primarias as que decidan quen será o candidato do PSdeG", di Gonzalo Caballero

Á pregunta de se se pensa presentar como candidato á presidencia da Xunta, explica Caballero que a el encántalle o servizo público, que foi máis de 20 anos profesor na Universidade de Vigo, e fóra de España, que é algo que agora segue pendente, pero que neste momento pensar nunha candidatura non é a súa prioridade. "Serán as primarias as que decidan quen será o candidato do PSdeG", que a súa "prioridade é traballar polos galegos e galegas e para iso me presentei ás últimas eleccións autonómicas. Porque alí onde estou, comprométome: sigo percorrendo Galicia cunha axenda intensa e vou redobrar todos os esforzos neste 23, no que hai retos electorais importantes e no que xogamos moito".

Sobre a posibilidade de volver presentarse como candidato á secretaría xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero insiste en que el está dedicado ás súas tarefas parlamentarias, e "cando corresponda será a militancia do PSdeG a que en primaria designará o candidato ou candidata que considere mellor, con máis opcións, para facer fronte aos gobernos do PP e desde logo para dar unha remuda aos gobernos da dereita en Galicia. Esa é a miña posición".

"Eu vou defender aquilo no que creo, que é un proxecto de esquerdas forte que confronte co PP, que o faga cun proxecto galeguista, cun proxecto de esquerdas, cun proxecto ecoloxista e feminista. Ese é o proxecto do PSdeG no que eu creo e con total lealdade ao conxunto da organización, hai cidadáns que me paran na rúa e me piden que confrontemos co PP, que cambiemos as políticas de sanidade ou os libros de texto gratuítos, comedores escolares gratuítos para axudar as familias, e para iso creo que hai que confrontar".

Caballero: "O PP é un partido constitucionalista, un partido de dereitas, non me gusta que pacte coa ultradereita"

Neste momento de confrontacións extremistas di o deputado do PSdeG que entende que o "PP é un partido constitucionalista, un partido de dereitas, non considero que o PP sexa un partido fascista, non moito menos, creo que ten algúns tics que a min non me gustan, non me gusta que pacte coa ultradereita".

Aclara Gonzalo Caballero que "asumindo que o PP representa ideas distintas para Galicia das que eu represento, entendo que é un Goberno que ten a lexitimidade que lle corresponde gobernar".

"Pero tamén creo que no xogo democrático ten que existir un PSdeG forte revitalizado, con ilusión, con proxecto, que traballe moito".

"Galicia quedou máis cativa con trece anos de goberno de Feijóo"

Salienta Caballero que nos catro anos que foi secretario xeral traballou arreo, "durante catro anos aparquei todo, incluso en algún momento me arrepinto de aparcar tanto as cuestións familiares, pero fíxeno dedicado a algo no que creo, a unha Galicia mellor".

"Creo en Galicia, nunha Galicia que Feijóo deixou despois de trece anos con 100.000 galegos menos, con 65.000 traballadores ocupados menos e cunha Galicia que representaba o 5,3 % da produción en España e pasou a representar o 4,9 %. Galicia quedou máis cativa con trece anos de goberno de Feijóo".

Coa marcha de Feijóo "hai unha oportunidade que non podemos desaproveitar", di Caballero

Considera Gonzalo que a marcha de Feijóo era e é unha oportunidade de ouro para que a esquerda poida coller a remuda, "e ese é o reto que eu asumo para min, como militante, como cidadán, pero tamén para o meu partido".

"Polo tanto, eu tomarei en cada momento a mellor decisión para fortalecer o PSdeG e dar esa alternativa na que creo, esa alternativa que é necesaria. Sen dúbida, creo que hai unha oportunidade que non podemos desaproveitar".

"Abrir un debate sobre a candidatura á presidencia da Xunta creo que é inoportuno neste momento"

Non lle parece oportuna a Caballero abrir neste momento abrir o debate do candidato á presidencia da Xunta. Debate que abriu o actual secretario xeral do PSdeG, logo de dicir Formoso que daría un paso atrás se se presenta José Ramón Gómez Besteiro.

Gonzalo Caballero di que "agora o que nos toca é centrarnos nas eleccións municipais, é algo que dixen ao longo destes últimos días porque a dirección do partido abriu un debate sobre a candidatura á presidencia da Xunta que eu creo que neste momento é inoportuno".

 "O balance do meu período á fronte do PSdeG é un balance de avance"

"Eu teño a bagaxe de ser secretario xeral do partido durante catro anos, nos que o PSdeG creceu en todos os procesos electorais: crecemos 10 puntos en eleccións xerais, crecemos 6 puntos en eleccións municipais, crecemos 14 puntos en eleccións europeas e crecemos 1,5 puntos nas eleccións autonómicas máis difíciles pola covid".

Salienta Caballero que o balance do seu período á fronte do PSdeG "é un balance de avance, de crecemento; é un período en que lle gañamos ao PP, por primeira vez na historia de Galicia, no que acadamos o mellor resultados en eleccións municipais na historia do país, gobernando tres das catro deputacións, cinco das sete grandes cidades, máis de 100 concellos, e agora é o momento de avanzar. O reto que ten o PSdeG é ser a primeira forza política, subindo en porcentaxe de apoios nas vindeiras eleccións municipais e tamén nas europeas. Vai contar con todas as miñas capacidades para que así sexa".

Di Caballero que non lle importan os nomes, "a min impórtame o proxecto, as ideas, que alternativas temos para a economía do país"

Sobre a volta de Besteiro á primeira liña da política, tras ser exonerado de todos os cargos, Caballero di que se "alegra no persoal de que se aclarase" e que "o compañeiro Gómez Besteiro quede libre de todas as responsabilidades xudiciais". "A partir de aí a min o que me preocupa é o PSdeG máis alá dos nomes. Unha exoneración xudicial non garante nin ser referente idóneo nin acertar no rumbo do PSdeG. A min impórtame o proxecto, as ideas, que alternativas temos para a economía do país. Iso é o que eu creo que o PSdeG ten que marcar, cun proxecto que ten que ser máis alá da suma de proxectos municipais, para ter un proxecto de fondo, para mudar Galicia, para transformar as políticas públicas, para gañar o futuro dos galegos e das galegas".

Explica Caballero que o Goberno de Alfonso Rueda "non está tomando ningunha medida importante para axudar os galegos, son medidas de pequeno calado, non hai ningunha medida relevante".

"Iso é o que temos que mudar. Temos que facelo, máis que falando de nomes, falando do proxecto para Galicia e falando das alternativas. Eu creo que hai moito que se pode facer e témolo que facer desde xa".

O Goberno da Xunta, di Gonzalo Caballero, "ten como medida estrela baixar o imposto de patrimonio a 7.700 galegos millonarios, reducindo a recadación en 35 millóns de euros. A medida estrela de Rueda é facer un regalazo aos sete mil galegos con máis patrimonio nun momento en que fan falta fondos para os servizos públicos, para as universidades, para as políticas sociais. Ese é do proxecto do que falo".

"Sen dúbida, Formoso é un candidato posible e lexítimo"

Ao preguntarlle por se ve a Valentín Formoso como un candidato á presidencia da Xunta con posibilidades de gañar, Gonzalo Caballero di que "sen dúbida, é un candidato posible, o secretario xeral do partido ten toda a lexitimidade. Tamén é certo que el mesmo abriu un melón e se amosou disposto a renunciar a esa candidatura".

"Eu estou convencido que haberá unhas primarias en que haberá uns candidatos e candidatas coa capacidade de endereitar, de fortalecer e de redimensionar. A min preocúpame que o PSdeG non teña esa forza".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade