Publicador de contidos
Publicador de contidos

Goretti Sanmartín: "A taxa turística será das primeiras cuestións que despacharemos"

Goretti Sanmartín: "A taxa turística será das primeiras cuestións que despacharemos"

A nova alcaldesa de Santiago avanza que o BNG terá as competencias de Vivenda e Urbanismo e anuncia que recuperará a extinta Empresa municipal de vivenda e solo 

Sanmartín reitera ao PSdeG que as portas do executivo están abertas se queren integrarse

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, no acto de toma de posesión do cargo (EFE/Lavandeira jr)
G24.gal 19/06/2023 09:56

A nova alcaldesa de Santiago de Compostela, a nacionalista Goretti Sanmartín, avanza que unha das primeiras medidas que adoptarán será a de remitir á Xunta a petición para poñer en funcionamento a taxa turística, un imposto que pagarán os visitantes que se aloxen na cidade. 

Nunha entrevista no Galicia por diante, da Radio Galega, explicou que revisarán o informe sobre o gravame, aprobado polo executivo de Bugallo, para ver se é necesario realizar algún cambio antes de envialo á Administración galega, que "é quen ten que facer a autorización previa para que a taxa turística sexa unha realidade". 

"Entendemos que poder ter unha taxa turística non vai facer que ninguén deixe de vir a Santiago nin moito menos. É unha boa medida que pode contribuír xustamente a paliar eses efectos, tamén en parte negativos, que ten o turismo relacionados coa necesidade de reforzar a limpeza, relacionados con rehabilitación do patrimonio para que sexa máis visible".

"É unha das primeiras accións que faremos: revisar o informe sobre a taxa turística e envialo á Xunta, que é quen ten que facer a autorización previa para que a taxa turística poida ser unha realidade", apuntou. 

Insiste a nova alcaldesa de Santiago na necesidade de ir a un "turismo sustentable, consciente, responsable. Por iso falamos dun pacto polo turismo onde se respecto o dereito ao descanso da veciñanza. Que a xente saiba que vén a unha cidade patrimonio". 

O turismo é un dos temas fundamentais, pero Sanmartín apunta como reto fundamental "conseguir a igualdade de trato ao conxunto da veciñanza de Santiago, independentemente do lugar onde vivan e que teñan os servizos básicos de calidade que merecen". 

Explicou que este luns ao mediodía daranse a coñecer o repartimento de concellerías entre os edís do BNG e de Compostela Aberta. Avanza que vivenda e urbanismo corresponderán ós nacionalistas e que van recuperar Emuvissa, a extinta sociedade municipal de vivenda e solo

"O urbanismo e a vivenda son cuestións que van ser prioridade total en Santiago. Este Goberno vai traballar nesa cuestións desde o primeiro momento".

"Nós entendemos que Emuvissa ten que ser unha ferramenta para construír vivenda pública e, a parte, para conseguir que a Xunta de Galicia cumpra con Compostela nesa construción necesaria de vivenda pública ten que haber unha empresa pública capaz tamén de dinamizar a inmensa cantidade de vivenda baleira que existen en Compostela e que están provocando un encarecemento da vivenda para comprar e alugar", afirmou. 

Ao preguntarlle sobre o papel do PSdG, que rexeitou entrar no goberno de coalición, Sanmartín di que "estou segura que poñerán por riba dos intereses partidistas, os intereses da veciñanza e da mellora da súa calidade de vida. Chegaremos a acordos, estou segura". 

"Como dixemos non pechamos a porta, as portas deste Goberno están abertas se os concelleiros socialistas se queren integrar, pero é unha decisión que corresponde a outra organización política. Respecto os seus tempos".

"O mandato da cidadanía foi claro, quere un goberno de esquerdas, transformador, que se preocupe de mellorar a calidade de vida da veciñanza. Un goberno baseado no acordo, no consenso, no diálogo ese é o ADN do BNG e deste goberno", concluíu. 

Compromete a nova alcaldesa que traballará de xeito coparticipado coa veciñanza cunha escoita activa cos distintos colectivos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade