Publicador de contidos
Publicador de contidos

Guardiola desdícese e agora ve "imprescindible" o respecto e o acordo con Vox en Estremadura

Guardiola desdícese e agora ve "imprescindible" o respecto e o acordo con Vox en Estremadura

Ata o momento rexeitara a entrada de Vox no Executivo estremeño, o que lle permitiu ao PSOE manter a presidencia da Asemblea

G24.gal 26/06/2023 11:52 Última actualización 26/06/2023 19:48

A candidata do PP á Presidencia do Goberno estremeño, María Guardiola, enviou un correo electrónico aos afiliados do partido para informalos da desconvocatoria da xunta directiva e o comité executivo rexional prevista para este martes e para indicarlles que é "imprescindible" o respecto, o diálogo e o acordo programático con Vox.

"Para evitar interpretacións malintencionadas ou distraccións que nos aparten do camiño", a líder dos populares decidiu aprazar a reunión destes órganos "ata unha nova data, que será comunicada oportunamente", segundo indicou no escrito.

Esta desconvocatoria coincide no tempo coa decisión da axencia Rebellius Words, que ata o momento realizaba servizos de asesoría a Guardiola, de deixar de prestalos para non prexudicala tras difundirse nas redes sociais uns audios do seu CEO, Santiago Martínez Vares, con comentarios contra o presidente de Vox, Santiago Abascal.

Na súa misiva, tras sinalar que están ante unha "oportunidade histórica", subliñou que o PP non renunciará ao seu obxectivo de conformar o mellor goberno para Estremadura e para España e mostrouse convencida de que "pronto iniciaremos a marcha como goberno para cambiar a nosa terra".

"Son moi consciente de que tamén é imprescindible o respecto, o diálogo e o acordo programático coa formación Vox en Estremadura", engadiu a candidata do PP.

Ata o momento rexeitara a entrada deste partido no Executivo estremeño, o que permitiu ao PSOE manter a Presidencia da Asemblea ao non alcanzar un acordo coa formación de Abascal.

Sinalou que o PP é un partido con vocación de servizo público e que non vai renunciar a iso, e recalcou que os compromisos teñen que permanecer firmes para cambiar o que non funciona.

"O valor da palabra dada nunca caduca e eu teño un compromiso cos estremeños e co cambio", aseverou.

A dirixente popular lembrou que o seu partido obtivo 28 deputados e case o 39 % dos votos e que non van fallar nin aos votantes nin ao proxecto que construíron xunto a eles.

En clave nacional referiuse á cita electoral do 23 de xullo, "unha cita importantísima en que xogamos o futuro do país" e na que "nada nin ninguén debe desviarnos desta meta", de aí o aprazamento da reunión mencionada da xunta directiva e o comité executivo rexional.

Segundo argumentou, está a "usarse" a situación postelectoral en Estremadura e o PP estremeño "para tratar de influír na campaña nacional, e esa presión está a trasladarse inxustamente ao PP no seu conxunto".

"Non queremos que se utilicen as reunións dos nosos afiliados para facer dano á organización nin desviar a atención do importante", explicou Guardiola, para quen o "responsable e procedente" é antepoñer o interese do país e evitar calquera crispación.

"Estremadura falou nas urnas, e o PP autonómico vai seguir traballando nun diálogo que nos permita, como resultado, ter pronto unha alternativa de goberno para poñer fin ao ciclo socialista", engadiu.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade