OPINIÓN

Hernández de Cos urxe a Sánchez a impulsar reformas económicas con consenso, por María Cadaval

G24.gal 21/11/2023 11:48

O gobernador do Banco de España, Hernández de Cos, considera unha prioridade para o novo Goberno a posta en marcha dun paquete de reformas económicas “ambiciosas” para desenvolvelas nos vindeiros catro anos baixo o paraugas dun amplo consenso político.

A primeira parte dos seus anhelos pode facerse realidade, mais non parece doado que se vaia dar cumprimento á segunda parte.

O gobernador non debullou as reformas ás que facía referencia onte na súa comparecencia ante os membros da Asociación de Mercados Financeiros, onde falou da necesidade de reducir os desequilibrios fiscais e estruturais do país, entre os que se atopa a dificultade da economía española de converxer co resto de Europa. Que significa isto?

Podemos ler entre liñas os deberes que Cos lle pon ao Goberno, consciente de que a resiliencia da economía nun contorno europeo de recesión e freada da economía. España, con 21 millóns de afiliacións á Seguridade Social, avanzou na creación de emprego, mais ultimamente apréciase un certo esgotamento deste ritmo de creación de postos de traballo. A taxa de paro roza o 12 %, moi lonxe das ansiadas cifras de pleno emprego. O paro xuvenil é dos mais altos de Europa, o que resulta preocupante. Queda moito traballo por facer neste eido.

Outro dos grandes eixes, relacionado co anterior, é, precisamente, o cambio de modelo produtivo que se iniciou na lexislatura pasada, aínda que vai mais lento do previsto. É necesario un aumento da produtividade e un posicionamento de liderado na economía do cambio tecnolóxico. A intelixencia artificial é un elemento estratéxico que está por explotar.

Hai un legado importante de xestión que require dun axuste significativo ante a aprobación das novas regras fiscais que aprobará en breve a UE, ademais de prepararse para facer fronte aos tipos de xuro que a política monetaria restritiva trouxo consigo e que irán tendo o seu impacto nos gastos correntes do orzamento, o que impacta directamente no déficit público. Xunto con isto, o gobernador ten advertido en varias ocasións que deberán aprobarse novas medidas para apuntalar a sustentabilidade financeira das pensións ante o panorama de envellecemento da poboación.

Todo iso nun contexto de execución de Fondos Europeos, pouco transparentes e ineficientes, cuestión que haberá que corrixir. Queda moito que facer no ámbito da dixitalización e a sustentabilidade ambiental. A aposta enerxética estratéxica debe ser unha, consolidada e ben estruturada.

Moitos deberes pendentes e toda unha lexislatura por diante.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade