Publicador de contidos
Publicador de contidos

Hizbulá lanza 62 proxectís contra un centro de intelixencia israelí

Hizbulá lanza 62 proxectís contra un centro de intelixencia israelí

É a primeira resposta do grupo xiíta libanés ao asasinato do número dous de Hamás en Beirut

Ataques na fronteira entre Israel e O Líbano Ataques na fronteira entre Israel e O Líbano
G24.gal 06/01/2024 09:44 Última actualización 06/01/2024 10:09

O grupo xiíta libanés Hizbulá anunciou este sábado o lanzamento de 62 proxectís contra un dos principais centros de intelixencia no norte de Israel, na súa primeira resposta ao asasinato do número dous do movemento islamita palestino Hamás, Saleh al Arouri, nos arredores de Beirut.

Pasadas as oito da mañá, hora local, combatentes da formación armada dispararon decenas de proxectís "de varios tipos" contra a Base de Vixilancia Aérea de Meron, un dos dous centros desas características que hai no Estado xudeu, segundo informa Hizbulá nun comunicado.

De acordo coa nota, as instalacións atacadas sitúanse na cima da montaña "máis alta da Palestina ocupada" -outro pico maior en mans israelís pertence ao Golán arrebatado a Siria- e son as únicas destinadas á "administración, vixilancia e control aéreo" no norte de Israel.

O lanzamento é unha resposta ao bombardeo atribuído a Israel que o pasado martes acabou coa vida de Al Arouri e outras seis persoas nos suburbios meridionais de Beirut, un importante bastión do movemento xiíta que non fora atacado desde a súa guerra de 2006 co Estado xudeu.

Este venres, o secretario xeral de Hizbulá, Hasán Nasrala, dixo que o asasinato do seu "irmán e amigo" de Hamás "non pasaría sen resposta" e advertiu que "definitivamente se achegaban" represalias polo bombardeo, do que Israel non asumiu a autoría oficialmente.

"Non gardaremos silencio ante unha violación deste nivel, porque iso significaría que todo o Líbano quedaría exposto. Todas as cidades, as vilas, as figuras estarían expostos", dixo o clérigo xiíta nun discurso.

A formación libanesa e as forzas israelís están encerelladas nun intenso fogo cruzado a través da fronteira entre ambos os dous países desde o pasado 8 de outubro. O ataque desta semana nos suburbios de Beirut elevou os medos a unha maior escalada.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade