Identificados os nove corpos recuperados tras o naufraxio do Villa de Pitanxo
Identificados os nove corpos recuperados tras o naufraxio do Villa de Pitanxo
Trátase de cinco mariñeiros españois, tres peruanos e un ghanés
Doce dos tripulantes do pesqueiro seguen desaparecidos en augas internacionais
Chega ao porto de Terra Nova o barco cos tres sobreviventes e sete dos falecidos no naufraxio
Avanzou con celeridade a identificación dos nove corpos recuperados do Villa de Pitanxo tras o naufraxio en augas a 460 quilómetros do Canadá, en Terra Nova. Outros doce corpos dos seus compañeiros de tripulación permanecen aínda desaparecidos en augas internacionais.
Dous dos corpos chegaron a terra canadense o venres a bordo do barco Nexus, que atracou en San Xoán. Houbo varios cambios de horario debidos ao mal tempo.
Case 24 horas despois, este sábado e tamén non sen dificultades arribaba a porto en Terra Nova o pesqueiro galego Playa de Menduíña 2, cos tres sobreviventes da traxedia a bordo como os outros sete cadáveres rescatados polo momento. Agárdase que nos próximos días cheguen a España no avión A-400 do Exército do Aire que freta este domingo o executivo español.
O embaixador de España no Canadá recibirá canda as autoridades consulares españolas a aeronave en Terra Nova.
A Delegación do Goberno en Galicia confirmaba pasadas as seis da tarde que rematou a identificación dos nove falecidos:
Fernando Santomé Ferradas, o cociñeiro do arrastreiro conxelador, veciño de Bueu; Miguel Lumbres Cumpa, mariñeiro peruano residente en Cambados que relevou un positivo por covid; Rogelio Franco Damazo, orixinario do Perú que vivía en Pontevedra e axudante de cociña no barco. Os seus restos van ser repatriados aos seu país natal como era o seu desexo en caso de que algo lle pasara nalgún momento.
Tamén identificados Juan Antonio Cordero Coro, o segundo patrón, de Lepe en Huelva, ao que lle quedaba só un mes para xubilarse; William Arévalo, mariñeiro procedente do Perú que se contaxiou ata en dúas ocasións de coronavirus e enrolouse no último momento e Ricardo Alfonso Cruz Flores, o engraxador do buque.
Ademais o mariñeiro Apaanah Pelungo Zure, residente en Pamplona e que participaba por primeira vez na pesca do fletán en Terra Nova. Por úlitmo os peruanos residentes en Cangas Daniel More Valladares e Diego More Vega, sobriño de Daniel.
Edwin pai de catro fillos, é un dos doce tripulantes que seguen desaparecidos en augas internacionais.
Os tres sobreviventes no naufraxio o patrón Juan Padín, o seu sobriño Eduardo Rial e o cidadán ganés Samuel Kwesi pasan recoñecementos médicos en Terra Nova.
A Delegación do Goberno en Galicia, en nome do Goberno de España, agradeceu o "excelente traballo e compromiso" das autoridades canadenses e do consulado, e a colaboración e coordinación coa casa armadora, o Grupo Nores.
Jose Miñones, delegado do Goberno reiterou o seu "total apoio e pesar" ás familias dos desaparecidos e falecidos polos que o Goberno decretou loito oficial o luns 21 de febreiro.
O Villa de Pitanxo contaba cunha tripulación de 24 persoas, das que a metade permanecen desaparecidas en augas internacionais.
O mércores a últimas horas os servizos de salvamento do Canadá decidiron poñer punto e final aos traballos de rescate e busca 36 horas despois do accidente pola falta de posibilidades de encontrar con vida aos desaparecidos, unha ducia de tripulantes do barco.
As familias das vítimas e os gobernos de Galicia e de España queren que se reactive o rastrexo en canto a meteoroloxía o permita e o Canadá amosou a súa disposición a colaborar.