Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ignacio Picatoste, xuíz da APM : "As quendas de garda cóbranse a 70 céntimos a hora"

Ignacio Picatoste, xuíz da APM : "As quendas de garda cóbranse a 70 céntimos a hora"

A Asociación Profesional da Maxistratura reclama que se retribúan mellor as gardas e os trienios

Xuíces e fiscais  irán á folga indefinida a partir do 16 de maio 

Ignacio Picatoste, secretario xeral da Asociación Profesional da Maxistratura
G24.gal 06/05/2023 10:46 Última actualización 06/05/2023 12:18

O secretario xeral da Asociación Profesional da Maxistratura, Ignacio Picatoste,  apela á prudencia pero deixa caer que a partida de 44 millóns de euros que propón o Ministerio de Xustiza para atender as reivindicacións de xuíces e fiscais é insuficiente.

Ignacio Picatoste sinalou, nunha entrevista no informativo Galicia por Diante Fin de Semana  da Radio Galega,  que non queren mercadeo. "Queremos  negociar, temos unhas reivindicacións cuantificadas e comúns a todos os xuíces e fiscais", puntualizou.  

O tamén presidente da Audiencia Provincial da Coruña augurou  que as conversas co Ministerio de Xustiza irán para longo, xa que, segundo denunciou, a mesa de negociación leva vinte anos sen reunirse cando tiña que facelo cada cinco.

"As quendas de garda cóbranse a 70 céntimos a hora  e hai que estar dispoñibles unha semana enteira"

O  responsable da Asociación Profesional da Maxistratura  denunciou  que  os xuíces e os fiscais seguen asumindo a rebaixa do 10% que supuxo a crise  económica de 2008. "Somos o único corpo que aínda  non  a recuperou", explicou Picatoste. Entre as reivindicacións dos dous colectivos tamén sinalou unha mellora retributiva das gardas. Segundo explicou, "as quendas de garda cóbranse a 70 céntimos a hora e hai que estar dispoñibles  unha semana enteira". Ademais, dende a Asociación Profesional da Maxistratura  esixen unha revisión dos trienios e a implementación do complemento da carreira profesional, aprobado hai cinco anos polo Congreso.

"Os compromisos teñen que ser realizables"

Ignacio Picatoste afirma  que a suba das retribucións non pode demorarse a xaneiro de 2025. "Os compromisos teñen que ser realizables". Co tempo que propón o Ministerio de Xustiza, di, "a inflación devorará nun ano, antes de 2025, a suba que se pretende". O secretario xeral da Asociación Profesional da Maxistratura pon como exemplo o acordo que acaban de acadar  sindicatos e patronal  en canto á negociación colectiva e que inclúe unha suba para este ano e para os dous próximos.

"Se hai vontade pódese chegar a un acordo que leve á desconvocatoria da folga"

A Asociación Profesional da Maxistratura non pecha a porta á desconvocatoria  da folga indefinida. O secretario xeral do colectivo cre que a protesta podería desconvocarse se o Ministerio de Xustiza asume "compromisos reais con prazos reais".

A folga indefinida de xuíces e fiscais a partir do 16 de maio está convocada polas cinco asociacións conservadoras que representan ambas as dúas carreiras profesionais.

De materializarse, sería a terceira folga xudicial no que levamos de ano. Sumaríase á que manteñen os funcionarios de Xustiza dende hai dúas semanas e á xa realizada polos letrados, que supuxo a suspensión de 30 mil xuízos en Galicia.

O luns as asociacións convocantes volven reunirse co Ministerio de Xustiza para tratar de avanzar nas negociacións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade