Imma Viudes: "A imaxe dos Mossos d'Esquadra queda moi debilitada"
Imma Viudes: "A imaxe dos Mossos d'Esquadra queda moi debilitada"
O sindicato SAP-FEPOL considera que se improvisou no dispostivo situado arredor da Generalitat
Os sindicatos das diferentes forzas de seguridade critican a actuación desenvolvida este xoves por parte dos Mossos d'Esquadra na aparición de Carles Puigdemont en Barcelona. A fuxida do expresidente provocou que os representantes dos axentes dos Mossos tamén levanten a voz.
O conseller de Interior, Joan Ignasi Elena, e a cúpula dos Mossos d'Esquadra comparecen este venres en rolda de prensa para dar conta do dispositivo policial despregado.
No Galicia por diante da Radio Galega, a portavoz do sindicato SAP-FEPOL, Imma Viudes, asegura que "son unhas imaxes que non quereriamos ver nunca e fannos moito dano". Preguntada pola operación desenvolvida, cre que "se improvisou". Esíxelle explicacións á cúpula política e policial porque "quen paga as consecuencias son os nosos compañeiros e compañeiras que son auténticos profesionais e non merecen esta humillación".
Emma Viudes certifica que si tiñan a orde de deter a Puigdemont, pero "había hermetismo de como se ía producir o arresto. Si que se quixo evitar unha detención nun lugar que podía xerar un problema de orde pública, como podería ser durante o discurso que fixo diante de miles de persoas. O que pasa despois xera críticas en todos os ámbitos da sociedade".
"Hai persoas que non deberían estar nos corpos de seguridade".
Os Mossos d'Esquadra detiveron dous axentes da policía catalá pola súa suposta participación no dispositivo para axudar a fuxir o expresidente da Generalitat. Non se descartan máis detencións. "O 99,9 % dos axentes, igual que da Policía Nacional, da Garda Civil ou do resto de forzas e corpos de seguridade do Estado somos xente profesional que nos debemos ao ordenamento xurídico dende a máis estrita neutralidade política. Evidentemente sempre hai persoas que non entenden isto e non deberían estar nos corpos de seguridade", destacou Viudes.
"Os Mossos tiñamos as competencias para actuar e executar a detención de Puigdemont".
Dende o sindicato descoñecen se houbo reunións previas de coordinación co Ministerio do Interior. En todo caso, "os Mossos, como policía xudicial e integral que somos, eramos os que tiñamos as competencias para actuar e executar a detención de Carles Puigdemont", afirmou a voceira sindical.