Inaugurada a mostra 'Tesouros reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum' no Gaiás
Inaugurada a mostra 'Tesouros reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum' no Gaiás
A mostra reúne pezas de valor incalculable custodiadas durante máis de oito séculos, que raramente foron vistas polo gran público
Os obxectos foron doados polas monarquías católicas máis poderosas de Europa aos Santos Lugares
O presidente da Xunta inaugurou en Santiago, canda o Nuncio Vaticano e o arcebispo compostelán, a exposición Tesouros Reais. A mostra reúne pezas de valor incalculable custodiadas durante máis de oito séculos, que raramente foron vistas polo gran público. Os obxectos foron doados polas monarquías católicas máis poderosas de Europa aos Santos Lugares.
A orde franciscana leva custodiando en Terra Santa durante máis de 500 anos un tesouro inimaxinable. Pezas elaboradas polos mellores artistas e ourives europeos. Doazóns procedentes da monarquías occidentais que ao longo dos séculos fixeron chegar a Xerusalén, máis concretamente á Basílica do Santo Sepulcro, agasallos elaborados para os ollos de Deus.
A exposición Tesouros Reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum está composta por máis dun centenar de obras, 75 delas pertencentes a unha colección inigualable, procedente do Terra Sancta Museum de Xerusalén.
Tras o seu paso por Lisboa, a mostra chega por primeira vez a España, concretamente á capital galega, onde se completa con obras pertencentes a outras institucións para dar conta da relación entre Xerusalén e Compostela.
Como a estrela de Belén, que guía aos Reis Magos ata o lugar do nacemento de Xesús, o visitante atopa nesta exposición a súa propia estrela, unha peza que chegou a Xerusalén en 1739 e que se cre que estaba destinada a substituír a estrela instalada na Gruta da Basílica da Natividade de Belén en 1717.
A exposición contextualiza a época de peregrinacións desde Constantino ata Solimán I, sultán do imperio otomán, e tamén a presenza franciscana na custodia de Terra Santa, con diversos obxectos, relicarios, cruces, esculturas ou documentos pertencentes ao Museo das Peregrinacións, ao Museo da Catedral de Santiago ou ao Museo de Terra Santa do Convento de San Francisco de Compostela.
Entre elas hai unha impresionante maqueta a escala da Basílica do Santo Sepulcro tal e como está hoxe en día, cos conventos que se sitúan ao seu ao redor. Realizouna entre 1945 e 1950 un franciscano nos talleres de carpintería do convento de San Salvador de Xerusalén e o seu interior alberga todos os elementos arquitectónicos, pavimentos e decoracións do templo orixinal, pintados mesmo coa mesma técnica.
Os mellores ourives e artesáns europeos da época contribuíron á creación dunha colección única, conformada por baldaquinos, cálices, cruces, lámpadas, báculos ou vestimentas litúrxicas elaboradas en ouro, prata e pedras preciosas.
Destacan principalmente o cáliz enviado por Filipe II en 1587 ou o baldaquino elaborado en prata e cobre dourado doado por Filipe IV en 1666, ademais das ricas roupaxes litúrxicas que Fernando VI enviou, elaborados con fíos de ouro, perlas e seda, que contiñan iconografías da paixón de Cristo.
Son pezas que raramente saen de Terra Santa. Foron exhibidas por última vez en 2013 en Versalles. Baixo fortes medidas de seguridade, agora chegan a Santiago de Compostela, un dos tres centros de peregrinación máis importantes do mundo xunto a Roma e Xerusalén, para que os visitantes poidan observalas en todo o seu esplendor, ata o 4 de agosto.