Incidencias en Galicia: mesas constituídas con demora e papeletas doutros concellos
Incidencias en Galicia: mesas constituídas con demora e papeletas doutros concellos
En Domaio apareceron papeletas electorais do concello de Caldas de Reis
A mesa do colexio de Riomol, en Castroverde tardou un minuto e 23 segundos en constituírse
Os máis madrugadores desta xornada foron os membros das mesas electorais. Chegaban ás oito e comezaban cos preparativos para constituírense. Só 1 minuto e 23 segundos despois desa hora, a mesa do colexio de Riomol, en Castroverde estaba lista, como aseguraba Sonia López, presidenta da mesa.
"Chegaron todos puntuais e foi moi doado porque xa tiña experiencia doutras eleccións e non houbo ningunha incidencia".
Pola contra, a mesa do colexio Emilia Pardo Bazán, na Coruña, non conseguiu constituírse ata as 9:36 minutos. É por iso que os votantes aquí terán media hora máis esta tarde para compensar esa demora.
"Non apareceu nin a presidencia nin os vogais primeiros e tocounos quedar a todos os suplentes".
Unha vez resoltos os trámites de constitución chegaban os outros incidentes da xornada. No colexio Club de Xubilados de Domaio descubriron que na mesa había papeletas do PSOE, PP e BNG pero que eran doutro concello como relatou o presidente, Javier Modino.
"Ás 10 da mañá atopamos un erro nas papeletas. Como se pode ver aquí as tres papeletas dos tres partidos están mal. Estamos en Domaio e apareceron coa localidade de Caldas de Reis. Algunha das papeletas poden que estean na urna coa localidade de Caldas de Reis".
Retiráronse das mesas as erróneas e no reconto, se hai algunha que xa se depositara na urna, terase en conta o logo do partido á hora de computar o voto.
En xeral entre os votantes gobernou a tranquilidade. En Ferrol sumaron festas: a da democracia e a do ascenso do Racing. Algúns acudían aínda esta mañá coa equipación posta e a alegría da noite pasada.