Galicia conta con 75 centenarios por cada cen mil habitantes, un dos índices máis altos de España
Galicia conta con 75 centenarios por cada cen mil habitantes, un dos índices máis altos de España
Con máis de dous mil centenarios, a gran maioría mulleres, Galicia consolídase entre as rexións do mundo máis lonxevas
Á cabeza, as comarcas do interior: a Paradanta, en Pontevedra, e as ourensás de Celanova e Terra de Caldelas
A dieta a base de produtos da horta, a vida relaxada e unha actitude positiva son algunhas das claves que manexan os expertos
"Teño 102, fágoos o día 4 de agosto", coméntanos Laura Fernández Salgado.
Laura, natural de Maside e veciña do barrio ourensán da Ponte, naceu no ano 1922. É unha das 1.500 centenarias galegas, o triplo ca homes. Á súa idade, pode presumir, ademais, de levar unha vida activa e consciente ao carón da súa familia.
"Almorzo, despois ando unha hora en bicicleta e despois imos dar unha volta, de paso que facemos a compra", relata Laura. "Na casa axúdame moito, a facer as camas, a pelar patacas, que así traballa coas mans...", engade a súa filla Lourdes.
Laura é veciña doutra centenaria xa popular, Esperanza, de 107, quen hai poucos encabezaba a andaina da Ourensividade, unha asociación integrada por distintos profesionais que indagan nos segredos da lonxevidade.
Xosé Manuel Lage Parente, médico xubilado e vicepresidente de Ourensividade: "A dieta atlántica, os produtos de proximidade, contaminación escasa, unha epixenética galega, que nos fai distintos".
Segundo os datos da Sociedade Galega de Xerontoloxía, Galicia conta xa con 75 centenarios por cada cen mil habitantes, só por detrás de Castela e León. A taxa dispárase en comarcas do interior, coma Celanova, que supera os paradigmas mundiais da lonxevidade como a prefectura xaponesa de Okinawa.