Publicador de contidos
Publicador de contidos

Inditex acorda cos sindicatos un salario mínimo de 18.000 euros para os traballadores nas tendas

Inditex acorda cos sindicatos un salario mínimo de 18.000 euros para os traballadores nas tendas

Tamén aproba axudas para fillos e adopción, subida de salario en domingos e festivos, maiores comisións e bonus

Terá vixencia de tres anos e verase reflectido na nómina de marzo con carácter retroactivo desde xaneiro de 2023

G24.gal 09/02/2023 23:08

Inditex chegou a un acordo cos sindicatos e fixa un salario mínimo desde 18.000 euros para todos os traballadores das súas tendas das diferentes marcas do grupo de toda España. A esta cantidade engadiranse outras retribucións variables, como as vinculadas á antigüidade, comisións ou nocturnidade, entre outras.

Este xoves finalizou o proceso de negociacións, que comezou o pasado mes de outubro, cun acordo que segundo indica nun comunicado UXT "soluciona algunha das inxustizas que se producían no grupo, e por fin empeza un camiño de homoxeneidade nas distintas marcas e territorios".

Así, establécese un salario mínimo fixo para o conxunto dos traballadores das tendas do grupo, independentemente do convenio colectivo de aplicación do seu salario fixo, sen contar os conceptos vinculados á antigüidade e mais todos os conceptos variables (comisións, incentivos, nocturnidade...) e os pluses que aboa Inditex que non aparecen en convenio.

Ademais, a estas cantidades dos grupos sumaránselles os conceptos vinculados á antigüidade, e mais todos os conceptos variables (comisións, incentivos, nocturnidade...) que aparezan en cada convenio colectivo de aplicación e os pluses ou complementos que aboa Inditex e non aparecen no convenio colectivo de aplicación nos territorios que os teñan.

Tamén se especifica no acordo que ás persoas traballadores dos grupos II, III e IV, cuxos ingresos fixos estean por encima das cantidades antes mencionadas, se lles garante un mínimo de 600 euros ao ano ou o que "resulte necesario para que a diferenza coa garantía de ingresos fixos anuais sexa de 1.000 euros ao ano".

Incrementos conforme ao IPC

Neste sentido, as cantidades mencionadas incrementaranse conforme ao IPC en cada un dos anos de vixencia e todos os importes se aboarán en 12 mensualidades. Así mesmo, son para xornadas completas, rateándose para xornadas parciais.

Con estas cantidades, hai territorios en España que terán unha subida de máis de 6.000 euros ao ano, unha subida media dun 20 por cento; os territorios con salario máis baixo chegan a un 40 por cento de subida, sen contar os puntos seguintes.

Axudas sociais

Entre outras cousas, o grupo téxtil pactou con UXT e CCOO axudas aos traballadores de 450 euros polo nacemento dun fillo; ata 170 euros ao mes para gardería e/o comedor (sempre que non sexa gratuíta) por fillo; 200 euros ao ano para material escolar por fillo de 3 a 18 anos, e ata 500 euros para a universidade por fillo e 600 euros en axudas para adopción internacional.

Así mesmo, melloran as axudas xa existentes e inclúen na axuda de familiar a cargo cunha discapacidade do 33 por cento ou máis o grao de dependencia I e II e subir a cantidade a 200 euros ao mes, ata segundo grao de consanguinidade e afinidade. Inclúese a persoa traballadora.

Domingos e festivos

En canto aos domingos que sexan fóra da xornada ordinaria ou voluntarios, aboaranse a 12 euros a hora máis unha hora libre ou 24 euros a hora a elección da persoa traballadora.

Ademais, os domingos que sexan xornada ordinaria aboaranse a 10 euros a hora. Os festivos, sexa ou non xornada ordinaria, aboaranse a 12 euros a hora máis unha hora libre ou 24 euros a hora a elección do traballador.

Comisións ou incentivos

Entre outras cuestións, Inditex pactou subir a porcentaxe de comisión para todas as marcas a un 1,4 por cento.

Isto garante unha suba nas comisións en todas as marcas, que será igual para todas. Actualmente, a comisión por venda oscila entre o 0,8 %, a marca que menos ten, e 1,2 % a que máis.

Finalmente, en canto ao incentivo especial ou bonus, na nómina de febreiro de 2023 e na de 2024 todo o persoal das tendas cobrará 1.000 euros (contratos de 24 horas ou máis) e 600 euros (contrato de menos de 24 horas).

Este acordo terá unha vixencia de tres anos e empezará a aplicarse na nómina de marzo de 2023 con carácter retroactivo desde xaneiro deste ano.

"Isto garante que á súa finalización, as partes volverán sentar a negociar para seguir avanzando na mellora das condicións de traballo, o cal supón un fito histórico nas tendas do grupo Inditex. Este tipo de negociacións dábanse nas fábricas e nas loxísticas, pero nunca nas tendas do Grupo, tendo este unha afectación de máis de 36.000 persoas traballadoras", reza o comunicado de UXT.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade