Publicador de contidos
Publicador de contidos

Inditex logra outro récord de ganancias e vendas: 1.300 millóns de beneficio no primeiro trimestre

Inditex logra outro récord de ganancias e vendas: 1.300 millóns de beneficio no primeiro trimestre

O incremento do beneficio no primeiro trimestre fiscal é do 10,8 %

A compañía modera o seu ritmo de crecemento en vendas

O anuncio de resultados de Inditex foi recibido pola bolsa cunha suba do 5 % das accións da empresa

Vista dunha tenda de Zara (Europa Press/David Zorrakino) Vista dunha tenda de Zara (Europa Press/David Zorrakino)
G24.gal 05/06/2024 09:46

Inditex obtivo un beneficio neto no seu primeiro trimestre fiscal (febreiro a abril) de 1.294 millóns de euros, un 10,8 % máis ca no mesmo período de 2023 (1.168 millóns), aínda que as vendas creceron "só" a un díxito (7,1 %) por primeira vez desde a pandemia.

As vendas ascenderon a 8.150 millóns e o beneficio bruto (ebitda) aumentou no período un 8 %, ata os 2.370 millóns.

Destaca nas contas presentadas por Inditex á Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) a marxe bruta, que se situou no 60,6 % (13 puntos básicos máis) ata 4.940 millóns, un 7,3 % máis.

O xigante téxtil executou novas aperturas en 28 mercados durante o período analizado, entre elas en Uzbequistán e o 3 de abril a venda en liña en Ucraína, con 48 tendas xa abertas a final dese mes.

Ao peche de abril, Inditex operaba 5.698 tendas, 103 menos que no 30 de abril de 2023; con Zara á fronte con 1.806 puntos abertos (72 menos). Con todo, a multinacional prevé un crecemento do espazo bruto anual no período 2024-26 de ao redor do 5 %.

Para o segundo trimestre fiscal, as vendas que comunicou Inditex entre o 1 de maio e o 3 de xuño creceron un 12 % en relación co mesmo período de 2023.

"Grandes oportunidades de crecemento"

"No primeiro trimestre de 2024, Inditex continuou co seu forte desempeño operativo grazas á creatividade dos seus equipos e á boa execución do seu modelo de negocio integrado de tenda e en liña", destaca a compañía, que subliña ademais que as coleccións da campaña de primavera-verán foron "moi ben recibidas" polos seus clientes.

De feito, as vendas en tenda e en liña a tipo de cambio constante entre o 1 de maio e o 3 de xuño de 2024 creceron un 12 % respecto ao mesmo período de 2023.

Inditex destaca que continúa vendo "grandes oportunidades de crecemento".

"As nosas prioridades son a mellora continua da nosa proposta de moda, a optimización da experiencia de cliente, o avance na sostibilidade e a preservación do talento e o compromiso das nosas persoas", di a compañía.

"Manter estas prioridades impulsará o crecemento a longo prazo. Para levar o noso modelo de negocio ao seguinte nivel e ampliar aínda máis nosa diferenciación, estamos a desenvolver unha serie de iniciativas en todas as áreas clave para os próximos anos", engadiu.

Investimentos de 1.800 millóns para este ano

Este ano Inditex planificou investimentos para incrementar a capacidade operativa, obter eficiencias e aumentar a diferenciación ata o seguinte nivel, que estimou en arredor de 1.800 millóns.

Nesa mesma liña, o grupo ten previsto un plan de expansión loxística este ano e en 2025, que inclúe un programa de investimentos extraordinario centrado na expansión do negocio e 900 millóns para incrementar a capacidade loxística en cada un dos exercicios.

Repartición de dividendos

Tal como aprobou en marzo de 2024, o consello de administración de Inditex propoñerá á xunta xeral de accionistas a aprobación dun dividendo de 1,54 euros por acción con cargo aos resultados do exercicio 2023.

Este dividendo componse de dous pagamentos iguais de 0,77 euros por acción: o primeiro realizouse xa o 2 de maio de 2024 e o segundo realizarase o 4 de novembro de 2024.

A presentación de resultados de Inditex foi recibida con entusiasmo polos mercados. Na apertura da bolsa os títulos da compañía disparábanse un 5 % no IBEX.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade