Infesta, en Monterrei, súmase á rede de aldeas modelo de Galicia
Infesta, en Monterrei, súmase á rede de aldeas modelo de Galicia
Destinan as terras abandonadas a labores agroforestais, para loitar contra os incendios
Tamén participa a consellería de Política Social, que intenta fixar poboación no rural
A localidade de Infesta, no concello ourensán de Monterrei, súmase ao proxecto de aldeas modelo coas que a Xunta pretende loitar contra os incendios forestais, dándolles uso ás terras abandonadas. Polo momento levan rozadas 37 hectáreas. Vanse dedicar a viñedo e a hortas, pero o proxecto segue aberto a novas propostas.
Os veciños que se sumaron á iniciativa confían en que axude a repoboar a aldea, situada ao pé da autovía das Rías Baixas, zona de tránsito dos peregrinos da Ruta da Prata, pero onde cada vez hai máis casas baleiras.
"Cando pasen 10 anos quedaremos 20 veciños, ou 10. A ver se recuperamos e vén xente estranxeira. É unha pena que, estando situada onde está, quede como queda", explica Manuel Rivero Vilaboa, presidente da Comunidade de Montes de Veciños.
200 aldeas modelo en Galicia
O proxecto das aldeas modelo da Xunta prevé sumar ata 200 localidades en toda Galicia, con programas de recuperación de terras abandonadas para usos agrogandeiros que, ao mesmo tempo, actúen como cintos de seguridade contra os incendios forestais. Unha actuación que implica distintas consellerías, desde Medio Rural a Política Social.
"Nas 200 aldeas da rede prevemos a recuperación de máis de 2.000 vivendas, o que tamén é loita contra o reto demográfico porque virá xente vivir, entre 8 e dez mil persoas nesas 200 aldeas", José González, conselleiro do Medio Rural.
Pídenlle implicación ao Goberno central á hora de repartir os fondos Next Generation da Unión Europea.