Instalacións hoteleiras para mascotas con servizos de ximnasio, piscina e salón de peiteado
Instalacións hoteleiras para mascotas con servizos de ximnasio, piscina e salón de peiteado
Abre as súas portas un complexo hoteleiro para cans e gatos no concello coruñés de Culleredo
Ximnasio, piscina, salón de peiteado e estancias individuais para mascotas
Un complexo residencial canino combina amplas zonas de lecer ao aire libre con espazos de aloxamento para 20 mascotas con toda comodidade. O prezo: algo máis de 18 euros por día con comida e IVE incluídos.
"Á parte de poñer bebedoiros automáticos e de ser unhas instalacións amplas e seguras, nós tamén temos unhas camas de viscolastic que están moi ben e son especiais para os cans", apunta Marcos Brea, propietario do Hotel Complexo Canino Gaia.
Para as mascotas máis activas, as instalacións contan tamén con zona de ximnasio. Tampouco se desatenden os coidados e para iso está o salón de peiteado. Alba Arias, peiteadora canina, explica que o can que está a atender, Coby: "É un can de manto de pelo duro, así que, o que facemos é aplicarlle unha técnica chamada stripping, xa que non se lle pode pasar a máquina".
"Na piscina ofrecemos varios servizos. Un de rehabilitación de posibles lesións, sempre baixo a supervisión dun veterinario ou dun fisioveterinario, e outro para o gozo dos propios cans", engade Marcos Brea.
Marcos, socio do complexo residencial xunto co seu irmán, di que a acollida está a ser boa.
"Esta Semana Santa estivo cheo, de tal xeito que tiven que levar os meus cans e os dun amigo para a súa casa porque non tiña sitio".
Situado na parroquia de Sueiro, no concello de Culleredo, o complexo residencial canino completa os seus servizos con recollida e entrega a domicilio e impartición de cursos de adestramento para mascotas.