Publicador de contidos
Publicador de contidos

Interior responde a Llarena: os Mossos non requiriron apoio para deter a Puigdemont

Interior responde a Llarena: os Mossos non requiriron apoio para deter a Puigdemont

O departamento que dirixe Fernando Grande-Marlaska alude á "competencia e capacidades operativas" dos Mossos para non despregar "operativos paralelos"

Interior asegura que o arresto do expresidente catalán "foi, é e será, ata o seu cumprimento, un obxectivo operativo para todas as unidades e servizos policiais do Ministerio"

Carles Puigdemont, o xoves pasado á súa chegada a Barcelona (EFE)
G24.gal 13/08/2024 12:08 Última actualización 13/08/2024 13:00

O Ministerio do Interior remitiu un informe ao xuíz do Tribunal Supremo Pablo Llarena en que explica que os Mossos d'Esquadra non requiriron á Policía e Garda Civil apoio para deter o expresidente catalán Carles Puigdemont e que, dada a súa competencia e capacidade, non despregaron "operativos paralelos".

O departamento que dirixe Fernando Grande-Marlaska alude á "competencia e capacidades operativas" dos Mossos como "policía integral en Cataluña", que informou o ministerio do seu "dispositivo específico" para arrestar a Puigdemont o pasado xoves, cando logrou entrar en Barcelona, dar un mitin e fuxir de novo do país sen ser arrestado.

Segundo explica o Ministerio nun comunicado, Interior ofreceu á policía catalá calquera apoio operativo, "sen que fosen requiridos tales apoios máis aló dos habituais prestados a través da mesa de coordinación operativa e de intercambio e información e intelixencia".

Interior asegura que o arresto do expresidente catalán é "un obxectivo prioritario" e apunta que nos dispositivos de control establecidos pola Policía e a Garda Civil na fronteira con Francia, nos portos e nos aeroportos "non se detectou en momento algún e ata a data a presenza do prófugo Carles Puigdemont". 

En calquera caso, indica, desde os días previos ao xoves e ese mesmo día, mantivéronse activados os controis en fronteiras, portos e aeroportos e no conxunto de Cataluña, sobre todo en Barcelona.

Cando soubo que Puigdemont volvera fuxir, Interior deu instrucións ao xefe superior de Policía e ao xeral xefe de Zona da Garda Civil, a través do delegado do Goberno de Cataluña, para activar "os recursos operativos e de intelixencia extraordinarios de ambos os corpos" para localizalo e detelo, explica.

Reforzouse a vixilancia de portos e aeroportos en Cataluña e ata as 24 horas do pasado sábado establecéronse dispositivos operativos nalgunhas vías, sobre todo as próximas á fronteira con Francia, aínda que as de alta capacidade -apunta o informe- quedaron baixo responsabilidade dos Mossos.

Interior asegura que o arresto do expresidente catalán "foi, é e será, ata o seu cumprimento, un obxectivo operativo para todas as unidades e servizos policiais do Ministerio".

Lembra que o Tratado da Unión Europea garante a ausencia de controis de persoas nas fronteiras interiores, o que dificulta "que calquera dispositivo de control policial poida garantir unha impermeabilidade absoluta, incluso dispoñendo de información previa ou de dispositivos legais de control ou seguimento".

O código de fronteiras Schengen abre a posibilidade de restablecer temporalmente os controis en fronteiras interiores, pero debe xustificarse pola existencia dunha ameaza grave.

Isto, explica Interior, ocorreu varias veces "de forma excepcional", como durante o cumio da OTAN en Madrid, en xuño de 2022, ou en 2020, coa crise sanitaria da covid-19.

Pero é unha medida "de último recurso" que non está prevista para supostos como o obxecto deste informe, conclúe.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar