Inúndase un albergue en Mazaricos polo rebordamento do Xallas
Inúndase un albergue en Mazaricos polo rebordamento do Xallas
A uns sesenta centímetros chegou a auga ao albergue Ponte Olveira, situado á beira do Xallas
A forte choiva provocou a inundación do albergue Ponte Olveira, situado á beira do Xallas. A auga chegou ao albergue a uns sesenta centímetros. O aviso laranxa por chuvias deixou case 121 litros por metro cadrado nesta zona, medidos na estación de Zas.
Malia os avisos por risco de enchente, os donos da hospedaxe non puideron facer nada para evitalo. "Viñemos coa idea de poñer sacos, pero xa nada", comentaba Mariló Rodríguez, dona do albergue.
O xefe de Protección Civil de Mazaricos, Benito Martínez, sinalou que sempre hai unhas vivendas afectadas, sobre todo aquelas situadas á beira do Xallas, o punto máis crítico cando hai enchentes. Ademais engadiu que contan cun pedazo da estrada da deputación onde a auga pasa por enriba.
De feito, a estrada quedou cuberta cunha lámina de 10 cm de auga durante horas. Aínda que choveu moito e nun longo período de tempo, os veciños cren que a apertura do encoro da Fervenza puido provocar tal enchente. A empresa que xestiona o encoro afirma que levan semanas facendo aperturas preventivas para evitar danos maiores, con todo, nesta zona rexistraron un regueiro de incidencias.