Publicador de contidos
Publicador de contidos

Investimento, xestión e rendibilidade económica, claves na mellora do estado do monte

Investimento, xestión e rendibilidade económica, claves na mellora do estado do monte

O vicepresidente de montes particulares da Asociación Forestal de Galicia aposta pola silvicultura activa para evitar incendios

A asociación reclama axudas que permitan aos propietarios plantar especies de maduración lenta sen que iso repercuta nos seus custos de produción

G24.gal 29/08/2022 11:27

A retirada da madeira queimada nos incendios do último mes xa comezou. Explicouno nunha entrevista na Radio Galega Juan Ramón Gallastegui, vicepresidente de Montes Particulares da Asociación Forestal de Galicia.

Dependendo da intensidade dos lumes e do grao de maduración das especias, o lume pode producir cuantiosas perdas para os produtores, explicou Gallastegui. Tal é o caso das zonas nas que as árbores queimadas aínda eran pequenas, onde a madeira perdeu todo o seu valor.

Xestionar o monte

Juan Ramón Gallastegui, aposta pola xestión conxunta do monte con controis periódicos do crecemento da vexetación e das especies, rozas e podas para evitar o abandono e en consecuencia os incendios.

"Ao cen por cento os incendios non se poden evitar, pero xestionando pódese dificultar, e acadar que se queimen menos hectáreas. No monte abandonado é moito máis difícil de apagar", salienta. 

Outras claves para optimizar o estado do monte galego pasarían por investir cartos, pero tamén conseguir que esa inversión teña un retorno económico para os propietarios.

Cambios fiscais e axudas

Gallastegui critica que cada silvicultor teña neste momento un tratamento fiscal diferente en función da actividade económica que desenvolva. Neste sentido afirma que compre unha modificación fiscal para que todos os produtores teñan as mesmas fórmulas á hora de declarar os ingresos pola madeira que xeran as súas terras. 

Reclaman tamén exencións fiscais e axudas económicas, para que resulte rendible explotar especies de maduración lenta, como por exemplo, o carballo.

Remarca Gallastegui que estas axudas deberían ser maiores para aquelas zonas de menor produción.

"Un carballo que poida dar madeira para serrar ou chapa, falamos de cincuenta anos para arriba. Iso supón como tres quendas de eucalipto, e aí hai unha desproporción que cómpre paliar. Viríalle ben (a ese produtor) algún tipo de apoio para levar a cabo esas plantacións sen perder todos os cartos", expresa. 

Mercado da madeira

O vicepresidente de Montes Particulares remata subliñando a importancia de coidar a calidade da madeira que poñemos no mercado.

"Debemos aproveitar este momento de alza de prezos para investir no monte e producir a mellor madeira. Madeira de mellor calidade que se poida vender no mercado a prezos máis altos. Teriamos un círculo virtuoso... a industria ten madeira de calidade e iso reverte na produción".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade