Investigadores e mariscadores colaboran para desenvolver o potencial económico do ourizo
Investigadores e mariscadores colaboran para desenvolver o potencial económico do ourizo
Mariscadores da confraría de Ribadeo e Técnicos do CIMA sementaron hoxe 4.000 crías de ourizo
Os mariscadores de Ribadeo sementaron esta mañá na costa 4.000 crías de ourizo cultivadas no Centro de Investigacións Mariñas. Trátase dunha iniciativa amparada pola Consellería do Mar que busca facer do ourizo un recurso económico de relevancia para a zona.
No CIMA de Ribadeo levan anos investigando como mellorar o cultivo do ourizo e a calidade das gónadas. Do centro saíron este martes 4.000 crías que foron sementadas no seu medio natural. Os técnicos farán un seguimento para coñecer en profundidade como interaccionan co medio e entre eles mesmos.
Daniel Brito biólogo da confraría de Ribadeo di que hai que facer un seguimento para comprobar se o ourizo que poñen nunha poza queda alí ou se move ao outro lado e cara a onde.
Justa Ojea, bióloga do CIMA de Ribadeo, di que é preciso ter datos para saber se esas crías se adaptan, se van para adiante e en que época é mellor soltalas.
O obxectivo: converter o ourizo nun importante recurso económico para as confrarías da Mariña. Justa Ojea comenta que a costa de Lugo non son rías tan ricas como poden ser por exemplo as Rías Baixas e o recurso forte na zona é o percebe e tamén o ourizo.
Sempre houbo na Mariña extracción de ourizo pero era case marxinal. As tornas cambiaron debido á suba do prezo do equinodermo nos mercados. Justa Ojea comenta que hai uns anos o ourizo apenas tiña valor económico, pero iso cambiou e agora na lonxa menos de seis euros nada, e de aí para arriba.
O biólogo da confraría de Ribadeo di que en Burela se está vendendo a 12 euros o quilo e en Ribadeo a 10. Un prezo moi bo. Aos mariscadores interésalles o recurso porque se a cousa se dá ben nunha xornada poden facer un bo peto.
Durante o 2023 vendéronse en Galicia máis de 600.000 quilos, xerando un volume de negocio superior aos sete millóns e medio de euros.