Investigan a autoría das sabotaxes na iluminación pública de Brión
Investigan a autoría das sabotaxes na iluminación pública de Brión
O Concello de Brión encargou un informe técnico e descubriron que alguén está sabotando as instalacións da iluminación pública
En Brión, o Concello pide a colaboración cidadá para dar cos autores das continuas sabotaxes que din sufrir na iluminación pública municipal. Os feitos xa foron denunciados na Garda Civil.
Farois que alumean de día e se apagan pola noite. Fases que funcionan e outras non. Que sucede coa iluminación pública en Brión? Os veciños non se explican o por que desta situación anómala e contraditoria cando a electricidade está máis cara ca nunca e se fala de aforro enerxético.
Din que é aleatorio, non sucede sempre nin nos mesmos lugares, pero incomódaos sobre todo agora que hai menos horas de luz natural.
Ante as numerosas queixas, o Concello de Brión encargou un informe técnico e descubriron que alguén está sabotando as instalacións da iluminación pública.
O Concello quere descubrir quen está detrás destas supostas sabotaxes. Xa presentou denuncia na Garda Civil e piden a colaboración cidadá para dar co autor ou autores destes actos que supoñen un trastorno e un gasto importante para as arcas municipais.