Publicador de contidos
Publicador de contidos

Tres detidos pola morte violenta do dono dunha carnicería na praza de abastos en Santiago

Tres detidos pola morte violenta do dono dunha carnicería na praza de abastos en Santiago

Un dos arrestados quedou en liberdade aínda que será citado a declarar no xulgado 

Os outros dous detidos están a espera de pasar a disposición xudicial

O falecido é Antonio Costa, de 59 anos, propietario da carnicería Chelo & Muñico desde hai 25 anos

G24.gal 12/11/2024 08:03 Última actualización 12/11/2024 20:30

As forzas de seguridade están a investigar un posible homicidio nunha das naves do mercado de abastos de Santiago de Compostela. O falecido é Antonio Costa, de 59 anos, propietario da carnicería Chelo & Muñico desde hai 25 anos, pois antes fora da súa nai.

As primeiras hipóteses apuntan a unha morte violenta, polos indicios de criminalidade achados no cadáver, cun traumatismo na cabeza pero, á espera da autopsia, sen feridas nin de arma branca nin de arma de fogo.

Os tres implicados na morte violenta do coñecido dono dunha carnicería da praza de abastos de Santiago foron xa detidos por axentes da Policía Nacional, segundo informan fontes da investigación. As detencións fóronse sucedendo ao longo da mañá e producíronse as tres na capital galega. Os axentes tiñan identificadas as tres persoas desde primeira hora. Un dos arrestados quedou en liberdade aínda que será citado a declarar no xulgado cando corresponda. Os outros dous, están a espera de pasar a disposición xudicial.

 Os feitos ocorreron cando o praceiro se atopaba entrando no recinto. Foi entón cando se produciu unha "pelexa" na que a vítima recibiu un golpe na cabeza, aínda que a autopsia deberá determinar se polo impacto dun obxecto ou ao caer ao chan. Non hai constancia de que levasen diñeiro do lugar.

A alerta por esta agresión produciuse ás 4:43 horas da madrugada, segundo informou Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que enviou dúas ambulancias asistenciais a lugar dos feitos, pero a pesar dos esforzos do equipo sanitario o home faleceu.

O levantamento do cadáver produciuse pouco antes das 08:30 horas deste martes. A praza de abastos permaneceu pechada unhas dúas horas e retomou a súa actividade. As doce do mediodía gardábase un minuto de silencio.

A alcaldesa de Santiago Goretti Sanmartín achegouse ata o lugar e quixo trasladarlles as condolencias e unha fonda aperta aos familiares do falecido, unha persoa moi coñecida en Santiago de Compostela.

Desde a xerencia do mercado de abastos sinalaron que todos os comerciantes están “profundamente consternados” e envían as súas “condolencias e apoio á familia e amigos”. “Hoxe o mercado está de loito. Unímonos ao recordo de quen nos acompañou tanto tempo co compromiso de seguir sendo unha comunidade unida”, destacan na mensaxe unánime difundida polos praceiros.

A carnicería do falecido permanece pechada e varios compañeiros e clientes levaron frores ata ás súas portas para honrar a súa memoria. Outras tendas do mercado locen crespón negro en sinal de loito.

O xulgado que se atopaba de garda no momento dos feitos era o de instrución número 2, que decretou o secreto de sumario.

Tras o levantamento do cadáver, pasadas as 8:00 horas, o corpo foi trasladado ás dependencias forenses da capital galega para realizarlle a autopsia, que desvelará as causas da morte.

Hai uns meses a vítima sufrira un incendio nunha nave, supostamente intencionado, pero, de momento, as fontes oficiais non confirman unha relación entre os dous incidentes. Perde forza a hipótese do atraco porque Antonio Costa conservaba a carteira. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar
Publicador de contidos