Investigan o ataque con gas pementa a tres persoas en Ferrol
Investigan o ataque con gas pementa a tres persoas en Ferrol
As vítimas denunciaron que unha muller os regou cando estaban de festa na rúa Magdalena
Foron tres ataques illados e todo apunta a que as vítimas foron elixidas ao azar
Ataque por sorpresa, supostamente sen enfrontamento previo con gas pementa, directo á cara.
Trátase da única arma de defensa legal que non precisa autorización... pero para defensa, non para ataque.
"É un irritante local. Nos ollos, pode provocar conxuntivite, na pel, eritema, ponse vermella, dá moito proído e se cae na boca, tamén proído e dor de gorxa", explica Ana María Armada, médico adxunto de Urxencias no Hospital Arquitecto Marcide.
A alarma saltou no hospital Arquitecto Marcide: tres persoas, sen relación entre elas, ingresaron en Urxencias en distintos momentos da noite, cos mesmos síntomas e o mesmo relato: estaban de festa na rúa Magdalena, na zona de ocio, e unha muller, segundo din de etnia xitana, regoulles a cara sen mediar palabra. Todo apunta a que as vítimas foron elixidas ao azar, co risco que isto ten.
"Se o aplicamos a unha persoa que xa ten enfermidades propias, pódense agravar. Unha moi típica, un paciente asmático ao que lle botas gas pementa, pode sufrir unha crise de asma importante", advirte Armada.
O gas pementa faise con chile. En crema, pode ter efecto terapéutico, pero en spray a concentración de picante é maior... daquela, que facer para aliviar a irritación?
"Nos ollos hai que botar auga ou soro fisiolóxico. No resto da cara ou onde caia o produto, recoméndanse deterxentes, xabón de glicerina ou o xabón que teñamos á man", aconsella a médico de Urxencias.
Os sprays de gas pementa son legais e os expertos en armas defenden o seu uso, por exemplo, para mulleres que poidan ser vítimas dunha agresión sexual, pero tamén advirten de produtos que se están vendendo por Internet con concentracións moi altas que poden provocar danos maiores.