Publicador de contidos
Publicador de contidos

Absolven os donos dos cans que atacaron unha veciña en Muíños

Absolven os donos dos cans que atacaron unha veciña en Muíños

A aseguradora indemnizará a vítima con 12.300 euros tras chegaren a un acordo as partes

O xuíz considera o ocorrido como unha "imprudencia leve ou menos grave", xa que os animais escaparon por "descoido" da acusada

Arquivo Arquivo
G24.gal 23/01/2025 09:15

O Xulgado do Penal número 1 de Ourense absolveu os propietarios dos cans que atacaron unha veciña no concello ourensán de Muíños, na parroquia de Barxés, en xaneiro de 2023.

O sucedido remóntase á mañá do 26 de xaneiro de 2023, cando a vítima se desprazaba ata unha leira da súa propiedade en busca de verduras. Os cans dos seus veciños agredírona no camiño e mordérona en distintas partes do corpo

Os feitos foron xulgados a pasada semana e, tras un acordo entre as partes na acción civil, a aseguradora dun dos animais indemnizará a prexudicada con 12.300 euros.

O pacto non se alcanzou sobre a responsabilidade penal. A acusación particular solicitaba dous anos de prisión para o matrimonio acusado, que finalmente quedou absolto.

O Ministerio Fiscal non presentaba acusación porque consideraba que non existía unha imprudencia grave que constituíse delito. Á mesma conclusión chegou a Sala, que absolve os acusados apuntando que as cadelas escaparon "por un descoido" da acusada, que non pechou con chave a porta do patio ao ir botar o lixo. 

Así pois, o xulgado conclúe que non se pode cualificar a imprudencia como grave "senón seica como leve ou menos grave" e procede a absolución dos acusados.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade