Investigan o baleirado dun encoro en Xinzo de Limia
Investigan o baleirado dun encoro en Xinzo de Limia
A perda da auga provocou a morte de milleiros de peixes
Os veciños de Gudín non entenden o que aconteceu
Aínda se ven nas beiras do río Faramontaos os peixes que morreron despois do baleirado da presa de Gudín, en Xinzo de Limia. O servizo de protección da natureza da Garda Civil xa investiga para determinar a autoría do baleirado que causou a morte dos peixes e, segundo os veciños, provocou que mesmo xabarís e anfibios quedaran atrapados no leito agora baleiro.
"Somos pescadores e dóenos ver mortos os peixes. Se avisaran, podiamos quitalos para outro río".
"Aí había moitas clases de peixes".
O encoro vai ser derrubado nos vindeiros meses, pero non hai constancia de que as obras comezaran polo que a hipótese coa que se traballa é a dun acto vandálico. Ademais da morte dos peixes, o baleirado deixou sen servizo os helicópteros que se abastecían nel para a extinción de incendios. Ninguén na zona entende o que puido acontecer.
"Aí viñan helicópteros dos incendios coller auga para toda a zona".
"Non avisaron de nada e soubémolo por casualidade porque non volveramos dende que rematou a pesca".
Agora os pescadores dubidan que se poida recuperar o volume de peixes no río, despois da morte de tantos exemplares.