Publicador de contidos
Publicador de contidos

Investigan o xerente dunha tenda de animais de Ames por facerse pasar por veterinario

Investigan o xerente dunha tenda de animais de Ames por facerse pasar por veterinario

Poñía vacinas aos animais no seu local, pese a carecer da titulación

Emitía cartillas de vacinación con datos falsos e o selo doutro veterinario, quen denunciou o caso

Imaxe dun can cun axente (Garda Civil) Imaxe dun can cun axente (Garda Civil)
G24.gal 24/09/2024 16:47

A Garda Civil investiga un home de 55 anos, xerente dunha tenda de venda de animais en Ames por facerse pasar por veterinario e realizar labores de vacinación.

As autoridades atribúenlle os delitos de falsificación de documento e de intrusismo profesional.

A investigación, realizada polo equipo EBIO de Caldas de Reis e polo Seprona, comezou tras a denuncia dun veterinario colexiado da zona de Umia.

Foi quen deu a voz de alarma ao atopar cartillas de vacinación de cánidos co seu selo, os datos de colexiado e unha sinatura que estaban a ser falsificados e utilizados por outra persoa para realizar labores de veterinario.

Os axentes lograron identificar ao falso veterinario, veciño do municipio pontevedrés da Estrada, que xa tiña antecedentes policiais por outro tipo de feitos.

Na súa tenda de Ames, segundo informa a Garda Civil, fornecía vacinas a diferentes animais, a pesar de carecer da titulación necesaria para exercer como veterinario.

As dilixencias instruídas entregáronse no xulgado de instrución de garda de Santiago, onde deberá comparecer o investigado cando sexa requirido pola autoridade xudicial.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade