Investigan os usos alimentarios e cosméticos da avea moura
Investigan os usos alimentarios e cosméticos da avea moura
Estudan as propiedades das variedades tradicionais galegas para a elaboración de prebes, bebidas fermentadas, pans especiais ou produtos cosméticos
As aveas teñen un compoñente que se asocia a propiedades anticanceríxenas e para o control do colesterol e a diabetes
No proxecto colaboran o CSIC, a Fundación Juana de Vega, Culler de Pau, Muuhlloa e Panadería Dacuña
Prebes, bebidas fermentadas, pans especiais ou produtos cosméticos. O Grupo Operativo Avea Moura cre que as variedades tradicionais da avea negra galega poden ter todos estes usos. Para demostralo o CSIC xa comezou as investigacións, que contan coa colaboración da Fundación Juana de Vega e de importantes representantes dos colectivos implicados. Queren proveitar todas as súas propiedades.
"As aveas teñen un compoñente moi importante, a aveatramida, que se asocia a propiedades anticanceríxenas, para o colesterol e a diabetes... Son moi favorables", di Bernardo Ordás López, científico do CSIC.
Unha parte importante do proxecto desenvólvese no restaraute Culler de Pau, con dúas estrelas Michelin, onde perfilan os posibles usos alimentarios da avea moura.
"Temos varios camiños; unha salsa fermentada como se fose unha solla. Aínda non está nada. Tamén estamos intentando facer unha especie de iogur fermentado e bebible sen lácteos", conta Javier Olleros, cociñeiro de Culler de Pau.
A firma de galega Muuhlloa encárgase das investigacións sobre o uso cosmético da avea negra.
"Un dos produtos que queremos lanzar é un lubricante vaxinal. Por que non utilizar a avea negra e a flor de grelo, que xa temos as propiedades antisépticas e un montón de cousas fantásticas para algo interesante e que non hai nada feito en Galicia?", anuncia Marta Álvarez Quintero, socia de Muuhlloa.
Ademais dos aproveitamentos cosmético ou alimentario, esta investigación sobre a avea moura busca protexer a biodiversidade agraria.