Publicador de contidos
Publicador de contidos

Investigan un profesor dun colexio de Lugo por supostos abusos a varias alumnas

Investigan un profesor dun colexio de Lugo por supostos abusos a varias alumnas

A policía confirma que polo momento hai cinco denuncias presentadas e Educación abriu dilixencias

O mestre investigado está de baixa e esta semana xa non impartiu clases

O caso destapouse tras unha denuncia conxunta de varias nenas na caixa de correo de suxestións da súa clase

G24.gal 29/05/2024 09:54 Última actualización 29/05/2024 12:25

En Lugo investigan un profesor por supostos abusos sexuais a varias alumnas de 9 anos. De momento hai cinco denuncias e Educación abriu un expediente.

Ao parecer as vítimas denunciaron os supostos abusos nunha nota conxunta que deixaron na caixa de correo de suxestións da súa clase. Nela acusaban o mestre de sentalas no seu colo e realizarlles tocamentos. Ao parecer facíao diante do resto do alumnado nas horas de clase en que proxectaban películas.

O caso destapouse a semana pasada, tras recoller unha das mestras a nota. O mestre baixo investigación non imparte clases no centro desde o inicio desta semana. Nin o centro nin as familias se pronunciaron sobre o caso.

Desde a policía confirman as denuncias e que hai unha investigación aberta. De momento denunciaron cinco familias, pero non se descarta que haxa máis.

A Conselllería de Educación é coñecedora da situación e pide prudencia sobre un asunto que está baixo investigación xudicial e que afecta menores. Abriu dilixencias previas e solicitou un informe detallado ao centro escolar.

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, realizou unha breve valoración do asunto desde a cidade de Málaga, onde se atopa participando no III Foro de Educación, Innovación e Tecnoloxía.

"De confirmarse estas denuncias, esperamos que a persoa que fixo isto non salga impune e de non ser certo evidentemente tamén que a súa honra sexa recuperada. Por iso é moi importante que se investigue e se chegue ao fondo deste asunto", manifestou, en declaracións a Europa Press.

Rodríguez, que cualificou os feitos investigados como "completamente anómalos e reprochables no caso de confirmarse", fixo un chamamento para seguir colaborando coas autoridades para lanzar luz sobre o sucedido: "Unha vez que se coñece e está xa no ámbito xudicial, fóra do ámbito educativo, hai que tomar as medidas necesarias para que isto non se volva a repetir", finalizou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade