Investigan a morte dun home atropelado no concello de Ordes
Investigan a morte dun home atropelado no concello de Ordes
Un condutor chamou de madrugada para confesar que pasara por riba "dun vulto"
O falecido, de 57 anos e natural de Mañufe, non levaba pezas reflectoras
A Garda Civil investiga se morreu por causas naturais antes do atropelo
Axentes da Garda Civil investigan a morte dun home de 57 anos no quilómetro 2 da estrada AC-409 que une Ordes con Cerceda.
Un particular alertou os servizos de urxencia da presenza do corpo á altura de Mercurín pasadas as 22:30 horas. Até alí desprazouse o persoal do 061, que unicamente puido certificar o seu falecemento.
Trátase dun home de Mañufe nado no ano 1965 que, segundo apuntan fontes da investigación, non levaba pezas reflectoras e camiñaba por unha vía sen iluminar.
Horas despois do accidente, sobre as dúas da mañá, a Garda Civil de Tráfico recibiu a chamada dunha persoa que confesaba que pasara por riba "dun vulto" cando circulaba co seu coche por unha estrada de Ordes.
A continuación, axentes da Benemérita acudiron ao domicilio do condutor e realizaron unha inspección do vehículo, que presenta danos compatibles cun atropelo.
En todo caso, a unidade de Atestados da Garda Civil tenta determinar se o home morreu por causas naturais antes do impacto. A estrada non ten iluminación e, co orballo e a néboa, a visibilidade é moi reducida.