Montero acusa os xuíces de machismo ao interpretaren a lei do "só si é si"
Montero acusa os xuíces de machismo ao interpretaren a lei do "só si é si"
Sánchez esperará a que os tribunais unifiquen criterios para decidir se cambia a norma
A ministra de Igualdade Irene Montero defende a chamada lei de só si é si tal e como está. Di que a rebaixa de penas a delincuentes sexuais non é un problema da norma senón dos xuíces que a aplican.
"O problema que temos é que hai xuíces que están incumprindo a lei ", asegurou Montero.
Di que Nacións Unidas xa alertou de que o machismo pode facer que haxa xuíces que apliquen de xeito defectuoso unha lei e que a interpreten erroneamente.
Sánchez fala dunha lei de vangarda e pide agardar a que os tribunais unifiquen criterios antes de decidir se hai que introducir cambios.
"Imos ver que din os tribunais, esperar a que unifiquen o criterio e a doutrina e a partir de aí veremos que pasos dar", aseguraba o presidente do Goberno desde Bali.
Non descarta que haxa que modificar a lei, como apuntan outros membros da parte socialista do Goberno.
"Se hai que facer algún cambio para evitar que isto se produza e para conseguir un apoio máis sólido para as vítimas, haberá que abordalo", dicía a ministra de Educación Pilar Alegría.
No PSOE din que xa advertiran a Podemos que a lei podía supor unha rebaixa de penas en sentenzas xa ditadas. E o PP pídelle ao Goberno que reverta a situación.
"É imprescindible que este dano irreparable non sexa para sempre, non sexa permanente", apuntaba o voceiro do PP no Senado Javier Maroto.
Os populares presentaron unha iniciativa para que o Senado autorice o Goberno a cambiar a lei pola vía de urxencia.