Irene Paredes: "Queremos xogar en condicións dignas e con respecto. Ata o de agora non foi posible"
Irene Paredes: "Queremos xogar en condicións dignas e con respecto. Ata o de agora non foi posible"
As capitás da selección española comparecen ante os medios antes do partido fronte a Suecia
Irene Paredes: "Queremos que a nosa loita sexa un punto de inflexión onde outras mulleres se miren"
Alexia Putellas: "Pedímoslle á Federación que amosase tolerancia cero con quen escondeu, aplaudiu ou incitou un abuso"
Montse Tomé nega que as xogadoras pedisen a súa destitución
Ás portas de disputar o primeiro partido tras o Mundial, Alexia Putellas e Irene Paredes compareceron en Gotemburgo. "Somos as primeiras que queremos ser futbolistas pero comprendede que tivemos que meter na cabeza que non foi posible sermos tan só futbolistas", dixo Alexia Putellas ao comezo da súa comparecencia. "Queremos xogar en condicións dignas e con respecto. Ata o de agora, non foi posible", incidiu Irene Paredes.
As futbolistas responderon as preguntas dos xornalistas un día despois de que coñecésemos a destitución de Andreu Camps, man dereita de Rubiales. As dúas capitás quixeron deixar claro que non son elas quen toman as decisións. "Nós non poñemos nin quitamos. Denunciamos e pedimos por favor que na federación de todos os españois haxa tolerancia cero con aquelas persoas que esconderon, aplaudiron ou incitaron un abuso", explicou Alexia.
Minutos antes, Montse Tomé, moi cuestionada nas últimas horas, evitara confirmar a súa continuidade no cargo. "O tema que sae de que as xogadoras non nos queren non o escoitei nunca delas", afirmou antes de engadir: "As xogadoras evidentemente non están pasando un bo momento, pero nós, o equipo técnico, tampouco tivemos o noso mellor inicio".
As capitás deixaron mensaxes que falan de fallos no sistema, de soidade e da transversalidade da súa loita.
"Demandamos que se cambien as cousas para que chegue un momento en que as futbolistas só teñan que xogar e non estar pendentes de se o sistema funciona. Ten que haber protocolos claros que eviten que estas situacións se repitan no futuro. Estamos cansas, entendemos que se están dando pasos, pero a luz ao final do túnel aínda non a vemos. Agora temos o altofalante pero hai moita xente detrás de nós. Hai mulleres noutros deportes, noutras profesións e mesmo nas súas vidas que sofren casos similares. Queremos que isto sexa un punto de inflexión e que elas poidan dicir, a min tamén me pasou isto", sentenciou Irene Paredes ante os medios de comunicación.
España, por certo, mídese a Suecia este venres no primeiro dos encontros da Nations League.