Gaza suma 26.250 vítimas mortais mentres Israel agudiza o asedio no sur
Gaza suma 26.250 vítimas mortais mentres Israel agudiza o asedio no sur
A Corte Internacional de Xustiza ordenou parar o xenocidio do pobo palestino na Franxa
A ofensiva militar de Israel contra o grupo islamita Hamas en Gaza deixou máis de 170 persoas falecidas e 300 feridas durante as últimas 24 horas, mentres recrúan os combates no sur do enclave palestino, informan fontes oficiais palestinas.
"A ocupación israelí cometeu 18 masacres contra familias na Franxa de Gaza, o que provocou 174 mortos e 310 feridos durante as últimas 24 horas", indica o Ministerio de Sanidade de Gaza, controlado por Hamas.
Dende o inicio da guerra, 26.257 persoas morreron e 64.797 quedaron feridas, a maioría menores e mulleres. Ademais, moita xente continúa baixo os entullos porque "a ocupación impide que as ambulancias e os equipos de protección civil poidan chegar ata eles", asegura a mesma fonte.
A axencia oficial de novas palestina Wafa informa de varios bombardeo israelís nas últimas horas sobre a cidade de Yan Yunis nos que morreron polo menos 37 civís.
Jan Yunis é a principal rexión do sur da Franxa e un bastión de Hamas, onde as tropas israelís focalizaron a súa ofensiva, sobre todo ao redor dos principais hospitais, el Nasser e Al Amal, porque Israel asegura que dende alí operan milicianos.
"A ocupación israelí asedia os hospitais de Jan Yunis, paralizándoos completamente mentres comete crimes de xenocidio e impide o movemento de ambulancias", denuncia Sanidade de Gaza.
Veredicto da Corte Internacional
O asedio do Estado hebreo aos centros hospitalarios agudízase un día despois de que a Corte Internacional de Xustiza da ONU emitira un veredicto no que esixía a Israel evitar un xenocidio contra o pobo palestino en Gaza e facilitar a entrada de axuda humanitaria.
A imposición de medidas cautelares, que non incluíu un cesamento do fogo, obedece a unha acusación por xenocidio contra Israel -aínda en curso- presentada en decembro por Suráfrica.
A guerra deixa 1,92 millóns de persoas desprazadas na Franxa, o 85 % da poboación total, que vive unha crise humanitaria sen precedentes.
Estas condicións poderían empeorar tras o anuncio de varios países de suspender o seu financiamento á Axencia das Nacións Unidas para os Refuxiados Palestinos (UNRWA), que xestiona a distribución de axuda humanitaria.
O Goberno xudeu acusou a organización da ONU de ter entre o seu persoal participantes no ataque do brazo armado de Hamas contra Israel que desatou a guerra o 7 de outubro, e deixou unhas 1.200 vítimas mortais e 250 reféns.