Publicador de contidos
Publicador de contidos

Israel lanza os bombardeos máis intensos sobre O Líbano

Israel lanza os bombardeos máis intensos sobre O Líbano

Responde á ondada de mísiles lanzados por Hezbollah contra o norte do país

Sánchez e o irlandés Varadkar instan a Comisión Europea a tomar medidas contra Israel

Antón Montero 14/02/2024 19:06 Última actualización 14/02/2024 19:21

Foi a penetración máis profunda da aviación israelí en territorio libanés desde o inicio hai 4 meses da guerra de Gaza. Os seus mísiles caeron ata 25 quilómetros máis aló da fronteira. Segundo fontes locais, mataron catro persoas, dúas delas nenos.

É a represalia do exército hebreo á ondada de mísiles lanzada pola mañá desde posicións das milicias de Hezbollah. O ataque alcanzou varias aldeas israelís que levaban semanas evacuadas, pero tamén unha base militar, e matou unha soldado e feriu outras oito persoas.

Hezbollah leva castigando a fronteira norte de Israel desde o inicio da guerra, nun xogo de acción-reacción que xa deixa máis de 260 mortos.

Entre tanto, Israel prosegue a guerra na franxa: os ataques das últimas 24 horas suman outros 103 palestinos mortos. E todo á espera da ofensiva sobre Rafah que a comunidade internacional intenta frear.

"Sería unha catástrofe inmensa, un desastre humanitario máis aló da imaxinación", alerta o representante na zona da Organización Mundial da Saúde. En Rafah concéntrase un millón e medio de desprazados con só tres hospitais operativos.

O presidente español e o seu homólogo irlandés instaron por carta a presidenta da Comisión Europea a tomar medidas contra Israel en caso de constatar que non está respectando os dereitos humanos, tal e como se comprometera no marco do acordo de asociación coa Unión Europea.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade