Os premios de investigación Stephen Howking estimulan a curiosidade e saber dos mozos
48 estudantes galegos optan ao Stephen Howking
Ángel Carracedo é o coordinador do certame e presidente do xurado
Preguntarse o porqué das cousas, estimular a curiosidade e saber analizar con pensamento crítico. Este é o enfoque dun certame que fomenta o afán investigador entre a mocidade.
"Fomentar tanto a ciencia como a arte, porque ademais son multidisplinares e cremos que é unha boa iniciativa", apunta un dos rapaces participantes.
Foron en total 35 traballos de investigación en que participaron 48 alumnos de 10 centros galegos. Abordaron temas moi diversos.
"Imos falar de comparación de líquidos, de densidade e a súa viscosidade", "da covid", "de astronomía", "de absorción de cunchas de mexillón", "de xenética", "de contaminación por metais pesados", contaron varios alumnos.
Tiveron cada un 10 minutos para expoñer a súa proposta ante un xurado presidido por Ángel Carracedo.
"Para min é espectacular porque son rapaces impresionantes que fixeron traballos boísimos e que ademais expoñen tan ben e fixeron un esforzo tan grande que é un desfrute estar con eles", explica Ángel Carracedo, catedrático de Medicina legal da USC.
Hoxe pola tarde será a entrega dos premios. Agora queda a difícil tarefa da deliberación.
"Son todos boísimos, eu non sei moi ben isto como se pode solucionar, pero iso é o de menos, o de máis que xa teñen gañado un premio co que fixeron e co que están facendo na vida", conclúe Angel Carracedo.