Iván López: "A pesca estase regulando a pequenos anacos e iso non ten ningún rigor científico"
Iván López: "A pesca estase regulando a pequenos anacos e iso non ten ningún rigor científico"
O presidente da Alianza Europea da Pesca de Fondo vai manter hoxe unha xuntanza técnica coa Secretaría Xeral de Pesca para falar do veto
En Bruxelas "seguen convencidos de que fixeron todo perfecto"
"Non está medido o impacto ambiental que pode provocar o desprazamento dos barcos cara a outras zonas"
Xuño de 2023, é a data máis próxima en que Bruxelas podería revisar o regulamento que prohibe a pesca de fondo en 87 zonas do Atlántico, a profundidades maiores dos 400 metros. Os novos informes científicos adíanse ata mediados de decembro, mentres se agarda a presentación do recurso á medida por parte do Goberno español, un recurso que tamén levarán a cabo, por exemplo, os produtores pesqueiros de Burela, e semella que máis empresas tamén poderían facelo.
Iván López, presidente da Alianza Europea da Pesca de Fondo, é entrevistado no 'Bos días' pola xornalista Almudena Rodríguez de Urzáiz. Comeza comentando Iván López que está en Madrid porque hoxe mesmo ten unha xuntanza técnica coa Secretaría Xeral de Pesca sobre "precisamente sobre este tema", o veto a pesca de fondo.
En Bruxelas "seguen convencidos de que fixeron todo perfecto"
A semana pasada Iván López xa se reuniu co Comisario de Pesca. Comenta desta xuntanza que "primeiro estabamos contentos de recuperar o comisario", convalecente dunha operación, e ao incorporarse "a primeira xuntanza que decidiu ter foi connosco. Agradecémolo e é un bo sinal".
Iván López cre que o comisario Europeo "por fin entendeu que o noso problema non é a protección dos ecosistemas vulnerables, senón como se ten implementado". "Lamentablemente, pouco máis conseguimos: repetimos ambas partes as posicións".
"Seguen convencidos de que fixeron todo perfecto, que non había que facer escudo socioeconómico. Curiosamente, consideran que non hai que facelo en orixe, pero si para a revisión. Non é posible avanzar. Non hai cambio na postura da Comisión".
Iván López explica que o sector entende que "habería que facer ao mesmo tempo o estudo económico e o medioambiental". Engade que neste caso non entenden "porque non se fixo neste caso porque hai impactos moi fortes. Non sei como a propia Comisión non se da conta das súas incongruencias".
A semana que vén "xa estaremos en posición de avaliar o impacto do veto no sector"
Acaba de facer quince días da entrada en vigor deste veto. O ministro de Pesca dixo que non quería dar datos sobre como está afectando o sector porque están cuantificando ese impacto para achegalo tamén como argumento do recurso ante o Tribunal de Xustiza da UE. A este respecto o presidente da Alianza Europea de Pesca de Fondo di que "o meu xuízo o que precisa é ter unha base sólida, no económico e no xurídico", referíndose a que os datos non ten tanta a importancia dalos a coñecer. Engade, Ivan López que está de acordo co ministro Planas, aínda que el non o diga con esa claridade, "é que é un pouco pronto para os datos definitivos, porque as mareas duran precisamente quince días".
"Hoxe temos a primeira xuntanza técnica coas flotas afectadas aquí en Madrid e hoxe poderemos empezar a avaliar. E pola tarde teremos unha pequena xuntanza informal do sector. Necesitamos tamén ter datos de descargas. A finais desta semana ou a semana que vén xa estaremos en posición de dicir algunhas cousas"
Explica Iván López que algúns barcos están cambiando o seu patrón de explotación e que algúns mesmo contemplan pasar do palangre a volanta. "Ambas afectadas, pero a volanta é máis compatible. Pero son probas que están facendo os patróns e que o fagan unha marea non quere decir que o vaian facer noutra", engade.
"Son equilibrios de 30 anos. Vai levar un pouquiño chegar aos novos"
Explica Iván López que non está medido o impacto ambiental que pode provocar o "desprazamento dos barcos e as concentracións" que se poden producir noutros caladoiros,"como tampouco está estudado se hai unha caída de capturas de onde van vir esas capturas".
"Non está medido o impacto ambiental que pode provocar o desprazamento dos barcos cara a outras zonas"
"En Europa xa dependemos case nun 65 % da importación de peixe", di López, "se seguimos a reducir a nosa produción, podemos xerar impactos noutros lados, que non están estudados. Pensamos que hai que medir todos os impactos tamén".
Explica o presidente da Alianza Europea de peca de fondo que "este é o gran problema, sobre todo tendo en conta as axendas que veñen de camiño: a axenda 2030, a axenda verde, etc. Estase facendo todo a pequenos anacos sen mirar como se interrelacionan entre eles e iso, para nós, non ten ningún sentido."
"Hai que intentar unha medida cautelar, o non xa o temos"
Sobre a posibilidade de reclamar unha medida cautelar, di Iván López que "hai que intentala, o peor que nos poden dicir é que non e iso xa o temos. Pero tamén é verdade que é a única maneira de parar esta sen razón antes de que termine unha revisión que nunca sería antes o mes de xuño. O que non o intenta, non o consegue, e se non o acadamos teremos que esperar ata xuño".