Johnson descúlpase, pero non contempla dimitir por saltar as restricións durante a pandemia
Johnson descúlpase, pero non contempla dimitir por saltar as restricións durante a pandemia
A Policía Metropolitana de Londres multouno canda a muller e o ministro de Economía
Emitiron máis de 50 sancións a empregados do Goberno por infrinxir a normativa anticovid
O líder laborista, Keir Starmer, esixe a dimisión do primeiro ministro
O primeiro ministro británico, Boris Johnson, a súa muller e o seu ministro de Economía, Rishi Sunak, xa pagaron a multa que lles impuxo a Policía Metropolitana de Londres por participar en festas na residencia oficial de Downing Street cando estaban vixentes as restricións pola pandemia, confirmou o xefe de Goberno.
O líder da oposición, o laborista Keir Starmer, esixiu que dimitan por violar a lei e "mentir repetidamente aos británicos".
"Os conservadores están totalmente desacreditados para gobernar. O Reino Unido merece algo mellor", escribiu Starmer en Twitter.
Ed Davey, do Partido Liberal Demócrata, pediu a convocatoria da Cámara dos Comúns para votar unha moción de censura contra Johnson, que tamén puxo na súa contra a ministra principal escocesa, a independentista Nicola Sturgeon, e o alcalde de Londres, Sadiq Khan.
Desculpas si, dimisión non
O primeiro ministro emitiu unha "completa desculpa" por saltar as restricións durante a pandemia de coronavirus, pero descartou presentar a súa dimisión como lle esixe a oposición.
"Con toda sinceridade, naquel momento non pensei que podía ser unha ruptura das normas", di Johnson nun vídeo distribuído aos medios. O xefe do Goberno británico confirmou que pagara a multa por asistir a unha festa polo seu 56 aniversario na Oficina do Gabinete en xuño de 2020.
"Quero poder continuar co mandato e tratar os problemas do país, asegurarme de que cumprimos co que a xente deste país agarda. Esa é a miña prioridade".
Johnson convértese no primeiro xefe de Goberno en activo no Reino Unido sancionado por incumprir a lei.
As forzas de seguridade investigan doce festas e eventos sociais tanto en Downing Street como noutros edificios gobernamentais, incluídas polo menos tres ás que puido asistir o primeiro ministro.
A Policía Metropolitana de Londres informou de que emitiu xa máis de 50 sancións a empregados do Goberno por infrinxir a normativa anticovid.
A voceira do grupo de familiares de falecidos pola covid lamenta que os gobernantes tomen os cidadáns "por parvos" ao chimparse as regras que eles impoñen ao resto e cre que "a súa deshonestidade socavou a súa credibilidade de cara ao outra posible pandemia".