Publicador de contidos
Publicador de contidos

Jorge Cebreiros da CEP: "Xa era hora de que tivésemos ese investimento para Stellantis Vigo"

Jorge Cebreiros da CEP: "Xa era hora de que tivésemos ese investimento para Stellantis Vigo"

O presidente da CEP celebra que o Goberno reformulara a súa planificación enerxética e inclúa as subestacións pendentes en Galicia 

Cebreiros quéixase de que unhas semanas antes do remate do ano o Goberno non explicara que medidas antiinflación vai manter ou retirar

G24.gal 16/12/2023 10:05 Última actualización 16/12/2023 11:57

O presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra -CEP-, Jorge Cebreiros, celebra que finalmente o Goberno inclúa a subestación que lle permitirá a Stellantis Vigo ter alta tensión. Nunha entrevista no Galicia por diante fin de semana, da Radio Galega, Cebreiros falaba de "moi boa noticia". 

"É unha moi boa noticia que esperemos se sume ás boas noticias dos PERTES para conseguir que Stellantis poida seguir sendo ese pulmón industrial de Galicia que tanto necesitamos e que os investimentos de Stellantis non vaian para outro país (...). Análise absolutamente positiva. Xa era hora de que tivésemos ese investimento". 

O presidente da patronal pontevedresa aproveitou para  lamentar que a día de hoxe, a poucas semanas de remate do ano, o Goberno non lles aclarase aos empresarios que medidas contra a inflación vai manter ou retirar de cara ao no que vén. Cebreiros afea que, malia térense celebrado as eleccións en xullo e conformado o Goberno novembro, aínda non saiban cales son as medidas ás que se van ter que enfrontar. 

"A retirada dos incentivos do IVE ou da redución do imposto de electricidade ou do gasóleo ou dos combustibles para transportistas vai incidir negativamente. As empresas estanse preparando, o que si nos gustaría é poder saber isto con tempo suficiente. Que nestes momentos, aínda entendendo que as eleccións foron no mes de xullo e o Goberno se acaba de constituír, pero que nestes momentos, a escasos dez días do Nadal non saibamos cales van ser as medidas ás que nos imos ter que enfrontar as empresas non é nada tranquilizador". 

Jorge Cebreiros tamén considera negativo o enfrontamento entre as vicepresidentas Nadia Calviño e Yolanda Díaz a conta da reforma dos subsidios por desemprego así coma da revisión dos impostos ás enerxéticas e á banca. Sobre todo, incidía o presidente da patronal pontevedresa, porque "nos enfrontamos a un ano de moitas incertezas".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade