Jorge Prado comeza na Arxentina a defensa do seu título de MXGP
Jorge Prado comeza na Arxentina a defensa do seu título de MXGP
Os pilotos xa están no circuíto de La Angostura para realizar os primeiros adestramentos
As dúas roldas correranse o domingo pola tarde e verémolas na G2 e Agalega.gal
O piloto galego Jorge Prado comeza a defensa do seu título mundial de motocrós. Farao na Arxentina, no circuíto de La Angostura, primeira proba puntuable do MXGP. Alí tamén estará Rubén Fernández desexando repetir a magnífica actuación do ano pasado, en que conseguiu a vitoria.
Jorge Prado volve saír entre os favoritos para facerse co campionato aínda que a batalla será moi dura. Na pole position de candidatos atópanse pilotos de primeiro nivel, como Jeffrey Herlings, Tim Gajser, Romain Febvre, Maxime Renaux ou Jeremy Seewer. Tamén haberá que seguir moi de preto a Jago Geerts, que ascende de MX2.
Será un longo percorrido en que a regularidade volverá resultar determinante, e aí radica a forza de Prado. Vinte probas puntuables cunha novidade que afecta a Galicia dun xeito moi especial. Por primeira vez na historia haberá un Gran Premio na nosa terra. Correrase o 12 de maio en Lugo, no circuíto que leva o nome do campión mundial.
As probas, como vén sendo habitual nos últimos anos, poderán seguirse na G2 e en Agalega.gal. A primeira cita, a única en Suramérica, será o domingo pola tarde, coas dúas roldas (17:00 e 20:00).