Publicador de contidos
Publicador de contidos

Jorge Prado reina no seu circuíto de Lugo

Jorge Prado reina no seu circuíto de Lugo

O piloto lucense impúxose no Gran Premio de Galicia cunha actuación excelsa

Gañou a cualificación e as dúas carreiras e volveu poñerse como líder do Mundial

G24.gal 12/05/2024 14:53 Última actualización 12/05/2024 18:18

Un soño feito realidade. O primeiro Gran Premio de Galicia do Mundial de motocrós tivo o desenlace perfecto. Jorge Prado gañouno todo, carreira de cualificación e as dúas mangas, e recuperou o terreo perdido a semana pasada en Portugal colocándose como líder do MXGP con dous puntos de vantaxe sobre Gajser. 

A primeira manga foi dominada de principio a fin por Jorge Prado. Saía na mellor posición gañada a pulso na carreira de cualificación e aproveitouno para poñerse en cabeza na curva inicial. Por detrás Febvre colleu a súa roda pero Gajser estivo despistado. O líder do Mundial comezou no quinto posto, remontou ata o terceiro pero unha caída levouno á décima praza. Por diante, Prado dominaba dun xeito absoluto controlando aos rivais. Gajser era quen de rematar na sexta posición, co que o piloto de Lugo lle metía dez puntos. 

Na segunda tivo que repetirse a saída por un fallo no sistema do valado. Prado, un dos prexudicados nesa primeira saída, colocouse en cabeza na boa e foise a por todas buscando o triunfo e recuperar o primeiro posto do Mundial. Gajser, consciente da situación, pegouse a Prado e meteulle presión ata as últimas voltas nas que cometeu un erro e caeu á terceira posición, por detrás de Herlings. 

Prado recuperoulle 16 puntos a Gajser que chegaba á proba con 14 de marxe. O piloto de Lugo volve a ser o primeiro do MXGP e sae pola porta grande da súa casa. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar