Jorge Prado logra conter a Herlings
Jorge Prado logra conter a Herlings
Prado, que comezou moi ben, tivo que defender o primeiro posto con uñas e dentes
Jorge Prado competía polo primeiro posto nun lugar que xa lle era moi coñecido, Lommel. Un pequeno pobo en Bélxica onde o motocrós é un deporte moi practicado, e foi alí a onde emigrou Prado coa súa familia para formarse e poder ser profesional da MXGP. Ademais este é un circuíto moi peculiar debido á composición da súa pista, que é de area non de terra.
Tras o visto nas prácticas semellaba claro que a loita ía estar entre Herlings e Prado, xa que o líder do mundial, Gajser, non atopaba o seu lugar, como se viu reflectido na táboa de clasificación final, xa que rematou a máis de 20 segundos dos dous primeiros. O galego comezou moi ben a clasificación e chegou a ter unha vantaxe da máis de 10 segundos, pero Herlings atópase cómodo nesta pista e puxo contras as cordas a Jorge, chegando a poñerse a menos dun segundo. Malia os últimos tempos do holandés, Prado mantívose firme e logrou unha vitoria na clasificación.