Prado gaña en Turquía e ponse a catorce puntos de Gajser
Prado gaña en Turquía e ponse a catorce puntos de Gajser
O piloto galego foi terceiro na primeira carreira e gañou a segunda
É o noveno gran premio do piloto lugués esta temporada
Jorge Prado gañou o Gran Premio de Turquía e colócase a catorce puntos de Tim Gajser con dúas probas por diante. Máis emoción non pode haber na pelexa polo Mundial pero o lugués tivo opción de recuperar algún punto máis.
Na primeira manga Prado rematou alporizado. Se cadra pola grande oportunidade perdida para recuperarlle puntos a Gajser. Conseguiu adiantar o esloveno pero non pasou da terceira posición co que o botín foi tan só de dous puntos. No duelo que mantivo con Renaux pola segunda praza tentou facer o adiantamento durante quince minutos pero o francés soubo mantelo a raia. Por diante vitoria do suízo Seewer. Rubén Fernández ía de sexto cando caeu na derradeira volta e quedou de noveno. Herling, tamén cun incidente, despediuse das opcións que tiña de pelexar polo Mundial.
Na segunda o dominio de Prado foi total. Púxose de primeiro e aguantou a presión de Gajser, que tamén soportou o acoso de Herlings. Non se moveron as posicións e o galego aproveitou o tropezo de Seewer para sumar o triunfo global. Rubén Fernández non tivo o mesmo fondo físico que na primeira manga e acabou no duodécimo posto.