José Carlos Núñez: "Os rapaces teñen que facer os deberes eles mesmos"
José Carlos Núñez: "Os rapaces teñen que facer os deberes eles mesmos"
O investigador, catedrático de psicoloxía educativa da Universidade de Oviedo, participa nun estudo mundial sobre os deberes que revela como a implicación dos pais nestas tarefas enmascara as dificultades de aprendizaxe nos rapaces
España é un dos países de Europa que máis tempo dedica aos deberes na casa, seis horas á semana
Un estudo, baseado en datos de docencia dos últimos 30 anos, e no que colaboraron universidades de América do Norte, A China e, no caso de España, a Universidade de Oviedo, avoga polas tarefas escolares para casa, sempre e cando se axusten ás necesidades e idade dos alumnos.
Este luns, na Radio Galega, José Carlos Núñez, catedrático de Psicoloxía Educativa na universidade asturiana, explicou que non hai un tempo estándar para a realización de deberes. En España, por exemplo, o tempo medio destinado aos deberes á semana está en seis horas, mentres que en países como A China, que se sitúa entre os mellores resultados no informe PISA, remarca o investigador, o tempo de tarefas escolares pode chegar ás dez horas.
Núñez sostén que é bo que os pais axuden na realización destas tarefas, pero sempre deixando que os resolvan de forma autónoma. Implicarse ao punto de facerlles os exercicios enmascara os erros e dificulta a detección de problemas de aprendizaxe.
"Debemos tentar que non se estresen demasiado. Que os leven feitos como saben facelos. Se llelos facemos nós, o profesor non entenderá onde está o problema dos rapaces, por que non entenden o que se lles explicou na escola", puntualiza.
Máis alá desta consideración, matiza Núñez que o propio sistema educativo ten que fomentar a interacción entre a escola e as familias, e indicarlle aos pais como deben implicarse nos deberes dos seus fillos.