José Fidalgo: "É o mellor mundial en moitos anos"
José Fidalgo: "É o mellor mundial en moitos anos"
O presidente da Federación Española lamenta que a reclamación de Susana Rodríguez Gacio non vaia ter éxito
Nunha xornada marcada pola grande afluencia de público no circuíto pontevedrés e a polémica sanción á paratriatleta viguesa, o presidente da Federación Española de Triatlón José Fidalgo atendeu á Radio Galega para analizar o éxito das finais das World Series.
"Veñen moitos presidentes doutras federacións a felicitar pola organización. Pontevedra achega moita paixón, é algo que falta noutras cidades. Tras pasar algúns anos malos, creo que é o mellor mundial en moitos moitos anos. No tríatlon as cidades son os nosos estadios. E este é o mellor escenario posible. Vigo tamén amosou interese e oxalá poidamos certificalo".
A noticia do día na cidade do Lérez foi a polémica sanción a Susana Rodríguez Gacio que lle impediu revalidar o título. Fidalgo tamén achegou a súa opinión lamentando que non vaia ter éxito a reclamación.
"Creo que Susana ten razón. Cando un deportista deixa todo para sacar o mellor e o xoga todo nun día no ano, creo que temos que esixir máxima profesionalidade no que rodea ao deportista. Reclamaremos a semana que vén. Non vai valer para nada no inmediato pero debe valer para que non volva suceder. Hai que esixir profesionalidade en todo. Onde hai factor humano existen erros".