Juan Fernández paga a cláusula para marchar do Breogán
Juan Fernández paga a cláusula para marchar do Breogán
O pivote arxentino de 21 anos acreditou uns números de 8,5 puntos e 4,1 rebotes na temporada que estivo en Lugo
Era un segredo a voces que confirmou o Breogán a media tarde do domingo. O pivote arxentino Juan Fernández (21 anos) pagou a cláusula e non seguirá no cadro lucense para a vindeira campaña. Fernández era un dos que tiña contrato co equipo de Mrsic para a 24-25.
Chegou a España para enrolarse no Fuenlabrada co que destacou no seu segundo ano sénior. O descenso do cadro madrileño aproveitouno o Breogán para asinar unha das perlas do mercado que, nun principio, marchará cara a un equipo con aspiracións dentro da ACB.
Os números de Juan Fernández en Lugo foron de 8,5 puntos e 4,1 rebotes en 19 minutos de xogo. Cifras máis que respectables para un xogador moi novo e con marxe ampla de mellora. Agora terá que moverse a dirección deportiva do Breogán para atopar un interior das súas características.