García Comesaña: "Impoñer a máscara en centros sanitarios é unha medida improvisada e política"
García Comesaña: "Impoñer a máscara en centros sanitarios é unha medida improvisada e política"
O conselleiro de sanidade advirte de que a obrigatoriedade pode provocar rexeitamento e critica que se adopte de xeito unilateral e sen atender a criterios técnicos
Comesaña cualifica de "ocorrencia" a proposta da autobaixa de tres días
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, cre que a decisión do ministerio de Sanidade de impoñer o uso da máscara en hospitais e centros de saúde de toda España a partir do 10 de xaneiro é unha "medida improvisada, que vai na liña de dicir que se fixo algo e xogar un pouco á política".
Nunha entrevista no Galicia por diante, da Radio Galega, Comesaña critica a ministra por "impoñer" unha medida que non vén, di, avalada por ningún informe técnico nin do ministerio nin das comunidades.
"Todas as comunidades autónomas dixemos que era tarde, que esa medida era efectiva pero que debe empregarse de xeito axeitado porque corres o risco de queimala. Facer obrigatorio unha medida sempre provoca certo rexeitamento. Nós apostamos pola prevención, pola vacinación e polo seguimento dos datos", apuntou o conselleiro.
Comesaña denuncia que as comunidades están "indignadas" polo uso do Consello Interterritorial por parte do Ministerio de Sanidade. Afirmou que "non estamos para imposicións, nunca se impuxo nada desde o consello, nin sequera nos momentos máis duros da pandemia. Non cremos que agora, cando moitas comunidades autónomas estamos xa no pico ou pasando o pico, teña sentido impoñer esta medida polo risco que ten de facer menos efectiva unha medida que todos sabemos que é importante".
O conselleiro de Sanidade expresou tamén as súas dúbidas sobre a proposta de poñer en funcionamento a autobaixa de tres días e coa que o ministerio quere sacar carga de traballo e burocracia os centros de atención primaria. Comesaña di que desde o Goberno galego levan tempo apostando por "quitar burocracia en Atención Primaria", pero cre que unha medida tan "delicada e crítica ten que ter unha reflexión e un traballo máis serio".
Considera que "se trata dunha medida improvisada, inmadura porque a ministra no sabía cantas veces se podía empregar, non falara cos ministerios de Seguridade Social e de Traballo". Amosou a disposición da Xunta a colaborar co ministerio para mellorar as ITS, pero di: "Isto parécenos unha ocorrencia, un xesto de cara á galería, sen traballo previo, sen maduración e sen consultar a ninguén".
Ao preguntarlle sobre a situación da gripe, Comesaña cre que estamos no pico ou nunha zona de meseta próxima ao pico. Destaca que pode haber nos próximos días un incremento de casos e de maior presión asistencial polas últimas interacción das festas de Nadal e o regreso aos lugares habituais de vivenda.
Comesaña lembrou que en todas as áreas sanitarias están activos os plans de continxencia e destacou que se reforzou con máis de 60 profesionais os servizos de urxencia para atender a alta demanda asistencial.