Khalid, un artista marroquí residente en Galicia, colabora co sombreireiro de Christian Dior
Khalid, un artista marroquí residente en Galicia, colabora co sombreireiro de Christian Dior
Os cadros de Khalid chamaron a atención de Stephen Jones que lle propuxo unha colaboración para a súa colección chamada El Morocco
Jones está considerado como un dos mellores sombreireiros do mundo e leva varias décadas á fronte do atelier de Dior
A maxia de Santiago xuntou un artista marroquí residente en Galicia cun dos mellores sombreireiros de todo o mundo. Desta unión entre Stephen Jones e Khalid saíu unha colección de sombreiros de Christian Dior que agocha unha historia de talentos e de casualidades.
Os cadros de Khalid, un artista marroquí residente en Galicia, chamaron a atención de Stephen Jones, quen leva máis de 25 anos á fronte do lexendario taller de sombreiros da firma Christian Dior. Paseaba pola zona vella de Santiago cando quedou prendado das pinturas que viu nunha tenda de antigüidades.
Khalid, que estuda escultura na Escola de Arte Superior e Deseño Mestre Mateo en Santiago, pintou varios cadros e un deles foi escollido para facer unha colección de gorras.
Tamén pintou unha tea de seda á man que se transformou nun turbante na colección de Jones que leva por nome El Morocco.
Os cadros de Khalid estaban no sitio e momento axeitados para que Jones se decatara do seu talento. O mesmo lle aconteceu a este mestre dos sombreiros cando Jean Paul Gaultier reparou nel nun vídeoclip da famosa banda dos 80, Culture Club. Para el fixo a súa primeira creación que o levou á cúspide da alta costura.
Quizais esta colaboración sexa a primeira pedra para o proxecto dunha marca de roupa que ten en mente este artista, Khalid Benkaroum, chegado de Marrocos e que reborda arte e creatividade.