Romanía descarta que mísiles rusos cruzasen o seu territorio cara a Ucraína
Romanía descarta que mísiles rusos cruzasen o seu territorio cara a Ucraína
Kíiv sofre novos bombardeos e o exército ucraíno trata de neutralizar o ataque que cualifica como a maior ofensiva con mísiles desde o inicio da invasión
O Goberno de Ucraína avanzou nos últimos días que Rusia prepara unha grande acometida coincidindo co primeiro aniversario da guerra
O Ministerio de Defensa de Romanía desminte que mísiles lanzados por Rusia cara a Ucraína atravesasen este venres o seu territorio tal e como aseguraran as Forzas Armasdas ucraínas.
As autoridades de Bucarest explican que o sistema de vixilancia do Exército romanés identificou o lanzamento dun mísil de cruceiro desde un buque ruso no Mar Negro. Ese mísil entrou nos espacios aéreos de Moldavia, pero "en ningún momento entrou no espazo aéreo de Romanía", din nun comunicado.
O máis cerca que chegou a pasar foi a 35 quilómetros da fronteira nororiental do país.
Antes diso o comandante en xefe das Forzas Armadas de Ucraína, Valery Zaluzhny, denunciara que mísiles rusos Kalibr cruzaron e por tanto violaran os espazos aéreos de Moldavia e de Romanía, país membro da OTAN, nun ataque contra territorio ucraíno.
A transcendencia do suceso viña dada porque Romanía forma parte da OTAN, e a entrada dun mísil ruso no seu territorio incrementaría a tensión entre a Alianza Atlántica e Rusia.
Ofensiva rusa
Ese lanzamento de mísiles formaría parte dunha nova ofensiva rusa, e que o exército ucraíno cualifica como o maior ataque con mísiles desde o inicio da invasión.
Kíiv rexistrou este venres varias explosións despois de que as sirenas antiáereas soaran e mentres a Forza Aérea ucraína trata de neutralizar un novo ataque lanzado polo Exército ruso, informan medios locais.
O Goberno de Ucraína avanzara nos últimos días que Rusia prepara unha grande ofensiva cando faltan apenas 14 días para que se cumpra o primeiro ano do inicio da invasión sobre Ucraína.
Os ataques producen horas despois de que o presidente do país, Volodimir Zelenski, realizase unha visita oficial a Reino Unido e Francia e participase no Cumio Europeo que onte se celebrou en Bruxelas, onde confirmou o respaldo económico e militar da UE á nación.