Publicador de contidos
Publicador de contidos

Labandeira: "A excepción ibérica suporá unha baixada importante no prezo da luz"

Labandeira: "A excepción ibérica suporá unha baixada importante no prezo da luz"

O experto en enerxía considera unha boa nova que España e Portugal poidan limitar o prezo do gas

O catedrático de Economía da Universidade de Vigo pensa que a rebaixa da fiscalidade na luz xa tocara teito

G24.gal 26/03/2022 13:46

Un tenso Consello Europeo de sete horas de duración dáballe este venres o visto e prace á excepción ibérica en materia enerxética. España e Portugal deberán enviarlle á Comisión Europea un proxecto de medidas a curto prazo, que pasarán ineludiblemente por limitar o prezo do gas para evitar o efecto contaxio no da electricidade.

Isto é posible porque a península Ibérica non só ten mínimas interconexións nesta materia co resto de Europa, senón tamén porque o seu mix enerxético é específico.

"España e Portugal, que teñen un mercado único eléctrico, están definidos pola última tecnoloxía que entra, que é a tecnoloxía do ciclo combinado. Iso quere dicir que cando o gas natural está moi alto en prezo, como levamos xa moitos meses, eses son os prezos que imperan no mercado eléctrico. Polo tanto, son boas noticias. Veremos a próxima semana como se artellan por así dicilo, pero eu creo que van levar a unha baixada importante do prezo da electricidade tanto para consumidores residenciais como para industrias", sinala Xavier Labandeira, catedrático de Economía da Universidade de Vigo e experto en enerxía.

O previsto é que os produtores de electricidade que empregan o gas para obtela reciban unha compensación temporal. Iso permitirá que os que producen con custos menores, como sucede coas enerxías renovables, entre elas a hidráulica, non reciban sobreprezos pola súa produción. Este experto considera que xa non había marxe para reducir a fiscalidade da luz:

"O Goberno empezou a reducir dunha maneira moi intensa a fiscalidade eléctrica xa o verán pasado. Reduciu o IVE, reduciu impostos especiais, reduciu impostos de produción a un custo moi elevado, aproximadamente catro mil millóns de euros, que é moito diñeiro. Diñeiro que deixou de recadar o sector público español", explica Labandeira.

Bruxelas comezará a analizar a semana vindeira as propostas de España e Portugal e poderían aprobarse nun prazo aproximado dun mes mediante un procedemento de urxencia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade